Santi Prego, Premio Aisge á Mellor Actor no Festival de Cans

UNHA SELECCIÓN DE CURTAS PREMIADAS NO FESTIVAL DE CANS PROXECTARANSE ESTE VENRES EN LISBOA

Unha selección das curtas premiadas no Festival de Cans proxectaranse este venres 21 de outubro en Lisboa, organizado por Xuventude de Galicia, no Centro Galego de Lisboa. A escolma de curtametraxes seleccionadas nesta ocasión serán a multipremiada “Rompente”, de Eloy Domínguez Serén, que levou o Premio do Xurado en Cans despois de ter triunfado no Festival de Málaga, e “Devoradora de nenos”, dirixida por Fran X. Rodríguez, que levou en Cans ó Premio Aisge á Mellor Interpretación Masculina, para o coñecido actor galego Santi Prego.

Ademáis destas curtametraxes, tamén se proxectará o documental “18 Cans, maioría de idade”, obra da realizadora Isaura Docampo, no que se recolle todo o espíritu do Festival de Cans e as circunstancias especiais nas que se desenvolveu a edición do festival celebrada en 2021. Tanto este documental como as curtametraxes serán presentadas en Lisboa polo director do Festival de Cans, Alfonso Pato, que se desprazará á capital portuguesa para manter un encontro presencial co público, despois que nos dous últimos anos este encontro se realizase de xeito virtual por mor das restriccións da pandemia.

Lisboa será a segunda parada no periplo internacional que as curtametraxes de Cans fan unha vez rematado o certame. As proxecións comezaron con gran éxito de público na localidade fronteiriza de Caminha o mes pasado, onde ademáis destas curtas, tamén se proxectou “Sycorax” de Lois Patiño e Matías Piñeiro, contando coa presenza da produtora Beli Martínez, que estivo nun coloquio co público.

Esta selección de curtas premiadas chega agora a Lisboa, e nos seguintes meses estarán en Bruxelas, na Université Sorbonne de Paris e en Londres, e mesmo non se descarta algunha outra cidade. O Festival de Cans impulsa estas proxecións internacionais co ánimo de visibilizar ás creadoras e creadores galegos, e servir como intermediario entre creadores e público para que se poida dar a coñecer noutros países o último da creación audiovisual en Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *