O Festival de Cans ofrece este sábado unha nova cita co audiovisual galego coa proxección das curtas gañadoras da súa XIX edición. Será nunha sesión especial, no Centro Cultural do Porriño, na que se poderán ver as curtas que o pasado sábado conquistaron o ansiado can de pedra.
Rompente, de Eloy Domínguez, Tatuado nos ollos levamos o pouso, de Diana Toucedo, As pétalas murmuran, de Arantxa Ramos e La Entrega, de Pedro Díaz son as cintas que se poderán visionar de novo como clausura ás actividades do festival, que este ano chegou aos 10.000 espectadores. Trátase das curtas gañadoras do premio do xurado á mellor curtametraxe nas categorías de Ficción, Furacáns e en Deleite Novas Camadas, xunto co Premio do Público do XIX Festival de Cans.
Protagonizada por dous mozos da zona non profesionais da interpretación, Rompente relata a loita por saír adiante dunha parella adolescente cun bebé nunha pequena vila costeira. Sergio Baleirón, igual que o seu personaxe na ficción, tamén é bateeiro, e Soraya Luaces estudante. Rodada en diferentes localizacións da Costa da Morte, Eloy Domínguez é o director desta curta, premiada tamén en Málaga, da que o xurado de Cans destacou a capacidade de enunciar unha realidade desde a limpeza da mirada.
Tatuado nos ollos levamos o Pouso foi a obra gañadora na sección Furacáns, de curtas de non ficción. A súa directora é Diana Toucedo, autora da premiada longametraxe Trinta Lumes, que nesta peza retrata o traballo das mariscadoras de Cesantes, á beira da illa de San Simón. O xurado valorou dela a cadencia das súas imaxes e o ritmo que imprime o deseño sonoro, cunha visión singular e poética das mulleres do marisqueo.
As pétalas murmuran foi a curta vencedora na sección Novas Camadas, de realizadores e realizadoras que realizan a súa primeira obra e teñen menos de 25 anos. Arantxa Ramos é a autora deste documental que fixo como un traballo de fin de grao da facultade de Comunicación da USC. O xurado salientou del a súa aproximación á memoria e o tratamento dos procesos migratorios, a través dos testemuños de mulleres de tres xeracións que relatan a pegada que esta experiencia tivo na súa identidade.
La Entrega, dirixida por Pedro Díaz, protagonizada polo veterano actor Ramón Barea e estreada en Cans, alzouse co Premio do Público desta XIX edición. Será a cuarta das películas incluídas na proxección deste sábado, que dará comezo ás 20.00 h no Centro Cultural, cedido polo Concello do Porriño, con entrada libre ata completar cabida.
*Na imaxe de apertura, o director Eloy Domínguez recollendo o can de pedra á mellor curta de ficción o pasado sábado na gala final de entrega de premios do XIX Festival de Cans. Foto: Cris Andina.