O FESTIVAL DE CANS ENTREGOU QUINCE VALES DESCONTO EN MATERIAL ESCOLAR ENTRE AS NENAS E NENOS DA ALDEA

O Festival de Cans fixo entrega nos pasados días de quince vales de desconto en material escolar para as nenas e nenos da aldea que colaboraron na última edición do certame. A entrega destes vales faise grazas á colaboración da cadea de Papelerías Trazos, e nesta edición aumentou a súa dotación ao pasar de 20 a 30 euros, que todas as nenas e nenos poderán trocar por material escolar.

Deste xeito, o Festival de Cans quere axudar ás familias á hora de mercar material escolar, e premiar a contribución e a implicación no certame destas nenas e nenos de ata 15 anos, que coordina a veciña de Cans Rosa Bernárdez. A súa colaboración consiste en facer de guías dos camiños, orientando ao público que acode a Cans no acceso ás salas e na información sobre a aldea.

O festival desenvolve esta iniciativa tratando de que o certame sexa unha plataforma que poida contribuir a axudar na educación e esperte o espírito colaborativo destas nenas e nenos, que habitualmente comezan a súa colaboración coa organización a partir dos sete anos.

Mesmo nos dous anos difíciles da pandemia, no que se evitou a colaboración destes pequenos, o festival fixo un esforzo para seguir mantendo esta axuda anual para continuar o vínculo cos nenos e as súas familias.

Pouco a pouco, moitas e moitos destas nenas e nenos, van coñecendo a estructura do festival, e desenvolvendo labores de maior responsabilidade, sumando moitas e moitos deles xa máis de dez anos traballando na organización. Nesta vixésima edición, cinco mozas e mozos de mais de 16 anos incorporáronse á estructura do festival, seguindo deste xeito unha cadea de aprendizaxe dentro da organización.

O Festival de Cans segue unha fórmula organizativa onde os nenos máis pequenos van sendo coordinados por outros maiores, e estes á súa vez son tutelados por persoas adultas, coñecedoras da dinámica do festival. Deste xeito vanse rotando en cada edición para coñecer un por un os departamentos do festival, coa esperanza de que eles sexan os que asuman a organización no futuro.

Entre os obxectivos da presenza destes nenos e nenas na estrutura do festival, está a súa formación educativa, facer un primeiro achegamento ao cine a través de convites para as proxecións, e crear unha relación de respecto interxeneracional con outras persoas da aldea e da organización.

O Festival de Cans chega este venres a Lisboa

Dentro do circuito internacional “Cans Itinerante”, promovido polo Festival de Cans para visibilzar as curtametraxes premiadas na última edición, este venres 13 terá lugar unha nova proxeción, neste caso en Lisboa. Unha selección das curtametraxes premiadas en Cans serán proxectadas no Centro Galego de Lisboa, nun acto organizado por Xuventude de Galiza, e que contará coa presenza do director do festival, Alfonso Pato, que manterá un encontro co público.

Esta é a segunda das proxecións programadas nun itinerario ao longo de toda Europa, que continuará nos vindeiros meses. Este circuito comezou a pasada semana no Teatro Valadares, na localidade portuguesa de Caminha, e contou coa presenza da cineasta Coral Piñeiro, gañadora do Premio do Xurado na sección Fucaráns, pola curtametraxe “Mariví, na pel da memoria”, que tamén se proxectará en Lisboa.

Ademáis de Lisboa, as seguintes proxecións terán lugar en na Université Sorbonne de París, na Saint Lous University, no campus de Madrid e en Bruxelas. Cans quere promover deste xeito a visibilidade das novas creadoras e creadores e que o seu traballo se coñeza en grandes cidades europeas. O pasado ano, este circuito xerou un número duns 500 espectadores presenciais que puideron ver estas curtas nos diferentes países onde se proxectaron.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *