O Festival de Cans, cuxa XXI edición terá lugar do 21 ao 25 de maio, foi seleccionado como un dos referentes culturais de Galicia en 2023. O prestixioso informe da Fundación Contemporánea, referencia da análise da cultura en España, sitúa ao Festival de Cans no octavo posto das insignias culturais de Galicia en 2023. O dato aínda adquire máis relevancia nun ranking onde os primeiros postos están copados por grandes institucións públicas como a Cidade da Cultura, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en Santiago de Compostela, ou o Teatro Rosalía de Castro da Coruña, todos con sede en grandes cidades fronte ao Festival de Cans, único evento seleccionado que ten lugar nunha aldea.
Xunto co Festival SinSal, o Festival de Cans é o único evento da provincia de Pontevedra que foi seleccionado neste ranking, no que a nivel Estado aparecen nos primeiros postos grandes institucións como o Museo do Prado, o Centro Reina Sofía o Museo Thyssen- Bornemisza ou o Festival de San Sebastián.
Cans tamén foi seleccionado por segundo ano consecutivo entre os mellores eventos culturais celebrados en España nun entorno rural.
Nesta selección emitiron o seu voto un total de 414 expertos que traballan no ámbito da cultura, ben sexa a nivel institucións públicas, na organización privada ou como profesionais independentes.
A elección do Festival de Cans como un dos referentes culturais de Galicia en 2023 e un dos mellores eventos de España no entorno rural é unha gran noticia que culmina un gran ano para o certame. Neste ano no que celebrou o vixésimo aniversario, Cans tamén recibiu o Premio Honorífico de CREA, a asociación de cineastas de Galicia e o Premio á Innovación da Federación de Entidades Culturais Galegas en Cataluña (Fegalcat).