A XX edición do Festival de Cans arrancou coa visita de ducias de escolares de colexios e institutos galegos que volvían ao certame do Porriño despois dos anos de pandemia nos que as restricións impedíanlles asistir. Ao longo dos cinco días do festival está previsto que máis de cincocentos mozos pasen pola aldea para coñecer de preto o festival e o entorno no que se celebra.
Tamén celebrouse unha homenaxe ao dramaturgo e pioneiro do cinema en Galicia, Roberto Vidal Bolaño, ao que o Cans dedícalle un espazo “efémero” nesta edición. A pequena praza que existe diante da Casa Parroquial de Cans, pasa a denominarse por uns días “Praza de Roberto Vidal Bolaño”, á beira de outros nomes de rúas en Cans como Chano Piñeiro, Pilar Pereira ou María Casares.
Despois do acto de inauguración da praza, celebrouse un coloquio centrado na figura de Vidal Bolaño, no que participaron Laura Ponte, Roi Vidal, Antonio Mourelos e Isabel Blanco. Xa pola tarde comezaron as proxeccións no Centro Cultural Municipal do Porriño, co documental “Quererla es crearla” e pola noite tivo lugar a Noite Lasal, na que competiron 19 videoclips musicais para ser elixidos como a mellor peza galega do ano.
Na vixésima edición do festival haberá seccións competitivas marcadas polas estreas de curtametraxes, a presenza dunha destacada directora, Valérie Massadian, no apartado Foco Internacional, moitos coloquios e actividades paralelas e máis de 25 actuacións musicais con grupos como Los Punsetes, Fillas de Cassandra, Mr. Kilombo ou The Limboos.
No Centro Cultural Municipal tivo lugar un encontro de realizadores de videoclips e despois unha charla proxección sobre a “Historia dos documentais musicais”, con Xavier Valiño. Máis tarde, tivo lugar a Noite Lasal na Praza do Concello coa proxección dos 19 videoclips musicais que compiten por seren recoñecidos como a mellor peza galega do ano. A primeira noite do festival culminou cun concerto de Zeltia Irevire.
Celebración especial polo Día das Letras
Na xornada de hoxe, mércores 17, o festival contará cunha programación moi especial dedicada ao Día das Letras. A primeira hora da mañá arrancarán as actividades coa estrea do documental “Florencio, o cego dos Vilares”, dirixido polo músico Pancho Álvarez. O filme afonda na vida de considerado como último xograr galego, o músico cego Florencio dos Vilares, violinista, cantor e contador natural da Fonsagrada e tío avó do coñecido artista Xoel López.
Morreu no ano 1986 pero deixou unha fonda pegada co seu xeito de interpretar a música tradicional, influindo de xeito decisivo nas seguintes xeracións de violinistas.
Trala proxección do documental, terá lugar unha sesión vermú no Torreiro coa presenza das violinistas María Jorge, Aldara Souto, Begoña Rioboó e Antía Ameixeiras e do acordeonista Carlos Quintá, que acompañarán a Pancho Álvarez.
Ao mediodía, tamén no Torreiro, terá lugar un coloquio entre o director Alvaro Gago e a actriz María Vázquez, sobre o proceso de creación de “Matria”, unha das últimas grandes películas do cinema feito en lingua galega que está a obter un gran éxito de público e crítica despois da súa recente estrea, e o seu paso polo Festival de Berlín.
Gago é un director que obtivo en dúas ocasións o Premio do Xurado en Cans, unha delas coa súa curta “Matria”, que é a orixe da longametraxe. A actriz María Vázquez chega a Cans nun gran momento da súa carreira, despois de obter a Biznaga de Prata en Málaga polo seu traballo en “Matria”, película que poderá verse ese mesmo día ás 16.30 no Baixo de Bugarín.
Nesta xornada especial adicada ao Día das Letras tamén se presentará o documental “De casa en casa”, unha homenaxe ás veciñas de Cans que recolle as testemuñas dos oficios extinguidos nos anos 70 do século pasado, como os das mulleres que percorrían as aldeas coas máquinas de coser ao lombo, ás que cociñaban nas celebración doutras casas ou as que facían de parteiras para axudar a parir a outras mulleres.
Pola noite, ás 21:30, o Torreiro recibirá a AcordeCans e ás Pandereteiras de Cans para poñerlle música á noite máxica das veciñas e veciños da aldea. Será o fin de festa perfecto para un día moi intenso de actividades e homenaxe á lingua e á tradición no festival.