O Festival de Cans, que este ano chega á cifra especial de vinte edicións, abre desde este martes a convocatoria para que todas aquelas autoras e autores que o desexen envíen as súas obras a concurso para participar no certame. A XX edición do festival celebrarase ó longo de cinco días, do martes 16 ao sábado 20 de maio, e o festival aumentará este ano a dotación adicada a premios, rebasando por vez primeira os 11.000 euros en premios, que se destinarán a recompensar ás curtas premiadas nas diversas categorías do concurso, todas con dotación económica.
As autoras e autores poderán inscribir as súas obras de xeito gratuito na web do festival de Cans e terán de prazo para facelo ata o 26 de febreiro de 2023. Poderán inscribir curtametraxes nas categorías de ficción, animación, non ficción, coñecida como Furacáns, e “Novas Camadas”, destinada a impulsar ás creadoras e creadores menores de 25 anos, ademáis de videoclips e longametraxes que serán proxectadas en sección paralelas e calquera outro tipo de obra. Todas deberán ter sido realizadas de 2022 en diante e darase preferencia na selección ás obras que sexan estreas absolutas.
Os principais premios estarán destinados ás categorías de ficción con 2.000 euros, e animación e premios do público con 1.500 euros cada unha. A organización do certame decidiu este ano aumentar a dotación do premio “Novas Camadas”, que pasa a ser de 1.000 euros, un intento por seguir potenciando esta sección, unha das que máis creceu nas últimas dúas edición do festival. O festival fai un esforzo económico por manter e aumentar as dotacións dalgúns premios no seu compromiso por axudar ás novas e novos cineastas.
>>> Bases de Inscrición.