O Festival de Cans presentou esta mañá a imaxe gráfica, o cartel e as camisetas do XIX Festival de Cans, no Riquela Club en Santiago de Compostela. O seu deseño correu a cargo de Rei Zentolo, a emblemática marca galega que este ano regresa ao festival. O autor das creatividades, Pablo Rodríguez, resaltou esta volta ás orixes, “a de Rei Zentolo como deseñador e a de Cans ás datas primaverais”. Así o quixo plasmar no cartel, unha carta do tarot co número desta edición, o 19, representada co sol na parte superior, que significa cousas positivas: vida, amor e felicidade. No fondo, toda a simboloxía do “agroglamour” que acompaña cada ano o certame de curtas: o jaliñeiro, os chimpíns, as flores ou o símbolo da paz, entre outros elementos que “quedan á descuberta do público”. Que esta carta tan enerxética e chea de positividade acompañe esta edición!
Na presentación, ademais do director do Festival de Cans, Alfonso Pato, e o deseñador Pablo Rodríguez, estiveron tamén a señora Alicia, propietaria da mítica “leira de Alicia” e unha das colaboradoras máis populares e veteranas de Cans aos seus 94 anos, xunto con César Lourido, que acudiu en representación da Asociación Cultural Arela, encargada da organización do festival.