O Festival de Cans chega ao venres cunha programación repleta de actividades, estrelas e moito agroglamour. A protagonista desta cuarta xornada será a cineasta Margarita Ledo, que estará en Cans para manter un coloquio e colocar a súa estrela no paseo da fama do Torreiro.Premio Pedigree 2022, a escritora e investigadora asistirá tamén á proxección de Sinais Furtivos, a retrospectiva das súas pezas curtas, e recollerá o galardón de honra na Noite das Homenaxes.
A gala, presentada por Keka Losada, celebrarase a partir das 22.00 h no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río, onde se fará entrega dos premios Chimpín de Prata desta edición ao actor Federico Pérez, ao crítico cinematográfico e director Javier Tolentino e aos veciños Alfonso e Marisol.
Este venres tamén haberá roteiro literario-cinéfilo con Carlos Meixide, programa de radio desde o Torreiro e un coloquio cos actores gañadores dun Goya Tamar Novas e Chechu Salgado, ademais de encontros cunha ducia de directores e directoras nas seccións paralelas A que andas? e Fillxs de Cans. Juan Zelada no Torreiro e Amparanoia e a sesión disco-chimpín de The incredible Peón Kurtz Dj no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río, son o cartel musical desta esta cuarta xornada de festival.
Este 20 de maio será o desembarco en Cans do director João Nicolau, un dos representantes máis destacados do novo cinema portugués, a quen se lle dedica nesta XIX edición o foco internacional. Nicolau asistirá á proxección da retrospectiva das súas curtametraxes ás 17 h no baixo de Bugarín. Pola mañá, participará no Café con CREA, da Asociación de Directores e realizadores de Galicia, xunto á realizadora viguesa Noemí Chantada e o cineasta Fon Cortizo.
Dous dos actores galegos do momento, Tamar Novas e Chechu Salgado, pasarán este venres por Cans. Participarán no terceiro dos coloquios AISGE. Ambos intérpretes teñen un nexo en común, cadanseu Goya ao mellor actor revelación, Tamar Novas en 2005 por Mar Adentro, de Alejandro Amenábar, e Chechu Salgado en 2022 por Las Leyes de la Frontera, de Daniel Monzón. Baixo o título E despois do Goya que?, ambos reflexionarán acerca do que cambia ter recibido un galardón coma ese, e como pode influír na carreira profesional.
O venres, o Festival de Cans leva tamén na súa programación as actividades paralelas do encontro A que andas?, coa colaboración da Asociación Galega de Guionistas (AGAG). Rafa de los Arcos, Noelia Muíño, Samuel Lema, Miguel Ángel Delgado, Olga Osorio e Javier Tolentino avanzarán os seus próximos filmes, en dististas fases de realización.
Unha das actividades favoritas do público máis fiel do festival é a das Fillas e Fillos de Cans, un dos grandes escaparates do talento na realización de películas. Andrea Vázquez, Álvaro Gago, Alberto Gracia, Fernando Cortizo, João Nicolau e Ángeles Huerta amosarán algúns minutos dos seus últimos filmes, aínda sen rematar e antes de que boten a andar por salas e festivais.
Os Cans do Futuro recibirán este venres as últimas visitas escolares, co concurso REC-CURTA en colaboración coa SXPL. O obradoiro creativo e inclusivo Inquedanzas, é outra das propostas do festival nesta previa do día grande de Cans.
*Na imaxe de apertura, o equipo de Rapa este xoves no chimpín de Constante. De esquerda a dereita, Adrián Ríos, Mariana Carballal, Mónica López, Mabel Rivera, Ana Míguez, Lucía Veiga, Ricardo de Barreiro, Gaspar Broullón e Pepe Coira.