Margarita Ledo Premio Pedigree 2022

MARGARITA LEDO ANDIÓN RECIBIRÁ O PREMIO PEDIGREE DE HONRA DO FESTIVAL DE CANS 2022

A asemblea da Asociación Cultural Arela, que organiza o Festival de Cans, acordou conceder a distinción de Honra, o Premio Pedigree, á cineasta, escritora e investigadora Margarita Ledo Andión (Castro de Rei, 1951), unha das autoras cun traballo máis transversal no cinema galego, abranguendo campos que van da creación á investigación e á docencia no ámbito audiovisual.

A organización do certame quere premiar en Margarita Ledo unha obra caracterizada pola defensa da lingua, a visibilidade das mulleres anónimas e a intención de reconstruír a identidade dun país rescatando a memoria borrada. A súa é unha interesante ollada, cunha evolución desde o documental a novas vías de exploración difuminadas coa ficción. Margarita Ledo recibirá o Can de Pedra e colocará a súa estrela no Torreiro das estrelas no marco do XIX Festival de Cans, que terá lugar entre o 18 e o 21 de maio.

A traxectoria cinematográfica de Margarita Ledo

Directora de catro longamentraxes, co seu último filme, Nación (2020), acadou varios recoñecementos como o Premio á mellor dirección de película española no prestixioso Festival de Cine Europeo de Sevilla, o Mestre Mateo ao mellor documental e resultou preseleccionada para os Goya.

Con anterioridade, Margarita Ledo dirixiu Santa Liberdade (2004), cinta na que recupera a memoria do secuestro do buque homónimo, organizado por antifascistas galegos e portugueses para denunciar as ditaduras de Franco e Salazar; Liste, pronunciado Líster (2007), a modo de biografía anticlásica do líder comunista galego; e A cicatriz branca (2012), na que explora a figura da muller galega exiliada na Arxentina.

Amais desas obras, Margarita Ledo participou en Hai que botalos cunha das 25 curtametraxes que forman esta obra crítica coa situación sociopolítica, cultural e económica de Galicia tralo Prestige, e realizou o libro-DVD Manuel María: Eu son fala e terra desta miña terra (2016), sobre o poeta de Outeiro de Rei.

A súa traxectoria inclúe tamén a publicación de numerosa obra escrita entre artigos, poesía, narrativa, ou ensaio como El cuerpo y la cámara (Cátedra, 2020) ou a coordinación da serie Para unha historia do cinema en lingua galega (Galaxia). Por todo isto, Margarita Ledo Andión é unha das figuras imprescindibles na evolución do cinema galego actual, e unha referente para as camadas emerxentes na dirección cinematográfica en Galicia.

O premio Pedigree 2022 irá acompañado dunha retrospectiva da súa creación de curtametraxes e narrativa experimental, rescatando tamén algunha obra inédita.

3 comentarios en “MARGARITA LEDO ANDIÓN RECIBIRÁ O PREMIO PEDIGREE DE HONRA DO FESTIVAL DE CANS 2022”

    1. Boas Ramón.
      Pack de tarde:
      – Lugar e Horario: nas salas que marque a entrada en dúas sesións, de 16.30h a fin (sala 1) e de 20.30h a fin (sala 2).
      *En cada unha das sesións proxectaranse curtas diferentes.
      Por outra parte, a homenaxe e retrospectivas de Margarita Ledo terán lugar o xoves e o venres.
      Non coinciden.
      Un saúdo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *