A XIX edición do Festival de Cans, que se celebrará do 18 ao 21 de maio, vén de anunciar as curtas de ficción a concurso na sección oficial do certame. Son un total de doce obras, das que dez serán estreas, seis delas son estreas absolutas e outras catro que se proxectarán por vez primeira nun festival en Galicia.
Nesta edición, hai un total de seis mulleres na dirección de catro das obras a concurso, o que supón un incremento da presenza feminina, en liña co compromiso do festival por visibilizar o traballo das realizadoras. A competición da sección oficial terá lugar o día grande do Festival de Cans, o sábado 21 de maio, e desde este luns están á venda as entradas na tenda online do festival.
RELACIÓN DE CURTAS DA SECCIÓN OFICIAL: FICCIÓN E ANIMACIÓN
LA ENTREGA
2022 | 24´| Dirección: Pedro Díaz| Estrea absoluta
Armando ten 80 anos. Un trauma impídelle saír da casa desde hai unha década. O seu único contacto co exterior é a través do rider que lle leva os pedidos que lle xestiona o fillo desde o estranxeiro. Un día Armando recibe algo que provocará a reaparición de vellos fantasmas, medos e recordos que afrontar.
REACTION
2022 | 3’01” | Dirección: David Fidalgo| Estrea absoluta
Empregando a linguaxe do meme, Reaction mostra as reaccións de distintas mascotas ante imaxes sacadas dos medios de comunicación. Fidalgo expón unha advertencia ao espectador sobre como este perde o foco de atención. O suxeito pasa a un segundo plano e a información chégalle filtrada por outro individuo: o espectador do espectador. O detalle: David Fidalgo é un clásico da competición oficial de Cans. En 2020 foi finalista do Goya á mellor curta de animación con Homomaquia, estreada no noso festival.
O NIÑO DOS PAXAROS
2021 | 16’ | Dirección: Lucía Estévez | Estrea en Galicia
Os gorrións fan un sitio entre a maquinaria, nos tubos de escape, nos motores abertos ou nos asentos dos coches do terceiro andar. Cando senten abrir o gran portal a primeira hora da mañá, voan rápido para entrar. Hoxe o taller é un lugar seguro para eles, o mesmo que o foi para o pai da autora nos anos 80.
SYCORAX
2021 | 20’ | Dirección: Lois Patiño e Matías Piñeiro
Quen é Sycorax? O primeiro personaxe en pisar a illa de A tempestade, de William Shakespeare. Pero o problema na obra é que Sycorax non ten voz, apenas mencionada por Próspero como unha bruxa mala, vella e encurvada, que encerrou vilmente a Ariel, o espírito do aire, nunha árbore.
SAUERDOGS
2022 | 15’ | Dirección: Guillermo de Oliveira| Estrea en Galicia
O inverno adiantouse. Bill e Hans, dous fracasados buscadores de ouro nunha maltreita zorra de cans, tentan regresar a casa. A través dun inhóspito val nevado, exhaustos e coas mans baleiras, a súa marxe para o erro esgotouse. Cando un dos cans non pode continuar, os cimentos da súa lealdade empezan a fender.
XINECEO
2022 | 16’ |Dirección: Laura Cotelo | Estrea absoluta
Historia íntima e emocional que nos fai viaxar polo desenvolvemento emocional de dous preadolescentes. Durante un recreo no colexio, días antes da excursión de fin de curso, Abel bica a Uxía, que non sabe como reaccionar e fuxe. Malia querer esquecelo, algo esperta dentro dela, pero non se atreve a falar con Abel e evítao. Máis adiante Uxía e Abel reconcílianse.
ASÍ VENDRÁ LA NOCHE
2021 | 13´20” | Dirección: Ángel Santos| Estrea en Galicia
Ao vir a noite, Andrea grava unha mensaxe para Pablo, ao que non ve desde hai meses, a xeito de carta longa ou de noveliña do século XXI.
DEVORADORA DE NENOS
2022 | 14’54” | Dirección: Fran X. Rodríguez | Estrea absoluta
Ton sempre soñou con viaxar ao espazo. Porén, un accidente deixa nel unha marca que o acompañará toda a vida, pero o que non lle impedirá construír unha nave espacial, a vía de escape que tanto tempo estivo buscando.
DÚAS CORES
2020 | 14’25” | Dirección: Cris Yáñez | Estrea absoluta
Cris, unha nena de oito anos, espera con ansia a chegada do verán para ver de novo á súa mellor amiga Laura, quen só visita a aldea durante as vacacións. As dúas nenas aproveitan a súa imaxinación e creatividade para vivir aventuras e crear xogos.
NIDO
2021 | 15´| Dirección: Alejandro Rodríguez | Estrea en Galicia
Logo de deixar a cidade e tras varios anos sen verse, Mar chega inesperadamente á casa do seu irmán Roi. A natureza e as súas raíces intentarán curar a falta de contacto entre os dous.
ROMPENTE
2022 | 25’ | Dirección: Eloy Domínguez Serén | Estrea en Galicia
Santi é un pai adolescente que vive nunha pequena vila costeira. De día traballa nas bateas e polas noites vai ao marisco de maneira furtiva. Mentres a súa moza Lucía asume en soidade o coidado do bebé de ambos, Santi, ausente e afogado pola responsabilidade, busca refuxio e redención no mar.
EFECTO CARACOLA
2021 | 7’ | Dirección: Paula Calviño, Alba Otero e María Jácome | Estrea en España
Ara é unha rapaza inmersa nun ciclo de traballo asfixiante. Mentres se dá un baño relaxante para desconectar, transpórtase a un mundo onírico, rompendo con aquela rutina.
*Na apertura, imaxe de Rompente, de Eloy Domínguez Serén, mellor curtametraxe no Festival de Málaga.