Unha selección das curtas premiadas no Festival de Cans proxectaranse este venres 21 de outubro en Lisboa, organizado por Xuventude de Galicia, no Centro Galego de Lisboa. A escolma de curtametraxes seleccionadas nesta ocasión serán a multipremiada “Rompente”, de Eloy Domínguez Serén, que levou o Premio do Xurado en Cans despois de ter triunfado no Festival de Málaga, e “Devoradora de nenos”, dirixida por Fran X. Rodríguez, que levou en Cans ó Premio Aisge á Mellor Interpretación Masculina, para o coñecido actor galego Santi Prego.
Ademáis destas curtametraxes, tamén se proxectará o documental “18 Cans, maioría de idade”, obra da realizadora Isaura Docampo, no que se recolle todo o espíritu do Festival de Cans e as circunstancias especiais nas que se desenvolveu a edición do festival celebrada en 2021. Tanto este documental como as curtametraxes serán presentadas en Lisboa polo director do Festival de Cans, Alfonso Pato, que se desprazará á capital portuguesa para manter un encontro presencial co público, despois que nos dous últimos anos este encontro se realizase de xeito virtual por mor das restriccións da pandemia.
Lisboa será a segunda parada no periplo internacional que as curtametraxes de Cans fan unha vez rematado o certame. As proxecións comezaron con gran éxito de público na localidade fronteiriza de Caminha o mes pasado, onde ademáis destas curtas, tamén se proxectou “Sycorax” de Lois Patiño e Matías Piñeiro, contando coa presenza da produtora Beli Martínez, que estivo nun coloquio co público.
Esta selección de curtas premiadas chega agora a Lisboa, e nos seguintes meses estarán en Bruxelas, na Université Sorbonne de Paris e en Londres, e mesmo non se descarta algunha outra cidade. O Festival de Cans impulsa estas proxecións internacionais co ánimo de visibilizar ás creadoras e creadores galegos, e servir como intermediario entre creadores e público para que se poida dar a coñecer noutros países o último da creación audiovisual en Galicia.