O escritor Carlos Meixide estará mañá xoves 15 na tenda Tía Tata do Porriño, para presentar o seu último libro Cans, cuxa trama está centrada arredor do Festival de Cans. Será ás 20,00 horas. O autor estará acompañado polo tamén escritor porriñés Diego Giráldez, membro da organización do festival e autor de Galería de Saldos, un dos libros do ano. Cans é unha novela de temática xuvenil que constitúe a segunda parte de Ons, un dos libros de literatura xuvenil máis vendidos no último ano e que incluso é lectura obrigatoria en varios institutos.
Cans é unha obra que o Festival de Cans propuxo ó autor para activar as residencias artísticas que o festival pretende facer todo o ano, convidando a escritores, cineastas ou artistas a construír a súa obra arredor da aldea de Cans e o seu festival. Ao mesmo tempo hai tamén unha parte de reivindicación do patrimonio da arqueloxía industrial, xa que parte da trama está centrada no vello túnel do tranvía do Confurco que ía unir Vigo con Mondariz – Balneario e nunca se deu rematado.
Na última feira Culturgal vendéronse case un cento de exemplares deste libro que se converteu nun dos máis solicitados da feira. Na presentación, varios membros da organización como Maxi Adega, Abel Gallego, Keka Losada ou César Lourido acompañarán ó autor, lendo fragmentos da obra con lugares moi identificativos do Festival de Cans.