Rodrigo Sorogoyen e a actuación do Gran Wyoming encabezan o día da entrega de premios en Cans

O Festival de Cans chega á celebración do seu Día Grande coa entrega dos premios desta 16ª edición e acollendo tamén as actividades musicais, cinematográficas e os encontros máis interesantes. O Torreiro acollerá ás 23h30 o anuncio das obras gañadoras entre as diferentes seccións (Ficción, Animación e FuraCans) que o público poderá ver nos baixos e jalpóns ao longo da xornada. Ademais das curtas gañadoras en cada unha destas categorías, desvelarase tamén as mellores interpretacións masculina e feminina, a mellor realización, o mellor guion, a mellor banda sonora orixinal, a entrega do premio do público e o premio do xurado dos veciños e un novo galardón que recoñecerá á mellor fotografía que conta co apoio de RC Service. Estes premios uniranse ao que coñecimos onte: “Vision” da realizadora Peque Varela para o grupo Window Pane foi a peza premiada polo xurado de videoclips.

Ao remate da gala será o turno do concerto Estrella Galicia co Gran Wyoming y los Insolventes que serán os encargados de poñerlle música ao comezo da gran festa de peche do festival. Wyoming celebrará en Cans o décimo aniversario da súa banda con moito rock and roll e moito espectáculo, cunha selección de temas clásicos e tamén actuais e con moitas sorpresas sobre o escenario. Nesta xornada Wyoming tamén aproveitará para deixar a súa pegada no Torreiro das Estrelas (ás 20h00). Ao igual que Rodrigo Sorogoyen que protagonizará ademais o Coloquio na Leira (12h00). O director da película El reino, filme que arrasou nos Premios Goya e nos Feroz, estará acompañado polo Luis Zahera, galardoado como Mellor actor de reparto nos Goya precisamente por este filme. Sorogoyen e a actriz e cantante Leonor Watling colocarán tamén as súas estrelas no Torreiro ao remate deste encontro co público (será ás 13h30).

 

O equilibrio entre o cinema e a música tamén se manterá no resto do programa do día. Nesta edición aumenta a programación e as proxeccións no Invernadoiro de Mucha do Peso. Chisme, o proxecto en solitario do artista Fernando Epelde, autor da canción oficial de Cans 2019, actuará alí despois de presentar a súa película SYD con parte do seu equipo técnico e do elenco do filme. Tamén terá lugar no Invernadoiro a retrospectiva de videoclips de Xosé Manuel Budiño e a presentación do seu novo disco Fulgor. Por último, Antón Reixa estreará en Galicia o espectáculo de videopoesía Melancoholemia, unha proposta experimental que mestura música, imaxes e versos sempre coa ironía que caracteriza as obras de Reixa. O programa musical complétase coa fusión de música clásica e folclore de Raiceira, o soul e o rock and roll de Patricia Moon e a pop na voz na cantautora MJ Pérez, que actuarán no Escenario Fundación SGAE no Cans Voulevar. Ademais, teremos o concerto en acústico de Dakidarría no Torreiro, os parrarúas da Banda de Música de Rubiós e da Charanga Sghae e as sesións de DiscoChimpín a cargo de Seila Esencia DJ e La Duendeneta DJ. Sen esquecer o xa clásica roteiro musical CanSonoro que realizará Xurxo Souto centrado este ano no patrimonio e no homenaxe musical aos Catro Ventos de Cans coa descuberta dunha placa na Casa de Marisol no Barrio do Castillo.

Na parte cinematográfica destacan as proxeccións de videoclips do proxecto cinematográfico-musical Femina, que contará coa presenza do seu realizador Paulo Furtado (Tigerman) para a súa introdución. Por outra parte, o Jalpón de Alicia acollerá as sesións paralelas de Ultravioleta que inclúe pezas que tratan temáticas como a prostitución, a violencia ou o machismo dende unha perspectiva feminista. Tamén terá lugar neste espazo ás 18h00 o Jalpón dos Oscar coa presenza de Sorogoyen e Juanjo Giménez. Estas non serán as únicas sesións de audiovisual fóra de concurso: ás 21h00 celebraránse no Baixo de Carlos ExtraCans, a sesión de curtametraxes internacionais na que poderemos ver curtas dirixidas por cineastas de Armenia, Estados Unidos, Cuba ou Suíza, nas que a participación de profesionais galegos foi fundamental. Por último, ás 21.30h no Jalpón de Alicia celebrarase a retrospectiva de curtametraxes en homenaxe a Carlos Blanco, o noso premio Pedigree’19.

Na tarde do sábado 25 tamén teremos dous dos encontros Dálle caña. O primeiro xuntarán no Espazo Estrella Galicia na Leira de Alicia as realizadoras e realizadores das seccións Ficción e Animación. E, por outro, neste mesmo espazo ás 19h30 celebrarase o encontro de curtametraxistas das seccións FuraCáns, Ultravioleta e ExtraCans. Neste último Dálle Caña contaremos coa presenza e a intervención de Isabelle Le Gonidec, xornalista de Radio France Internationale – RFI, presente no festival grazas a Acción Cultural Española AC/E.

MiniCans, a programación infantil no Parque do Río

Nesta edición MiniCans acollerá no Parque do Río un gran número de actividades que xirán coma sempre arredor do cinema. No Cuberto de Pato terán lugar os obradoiros “Unha vida de cine, un contacontos ilustrado sobre María Casares” de Polo Correo do Vento e o taller “Son-Cinema” que realizará o creador Juanma LoDo. Por outro lado, o espazo Inquedanzas acollerá un obradoiro sobre stop-motion que impartirá Ramiro Rodríguez dos Santos. No Parque do Río estará aparcada durante toda a tarde A Caixiña dos Mistos, unha caravana adaptada e pensada para ofrecer a nenos e nenas a súa primeira experiencia de cine, en paralelo a un obradoiro de curtametraxes impartido por Mr. Misto.

Completan a programación neste espazo o concerto de Cores, contos e rock’n’roll que fará Pakolas con debuxos en directo da ilustradora Laura Romero, unha actuación que conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Tamén se celebrarán aquí os concertos para todos os públicos de Su Garrido Pombo e a actuación de Psychotropic Boom, a banda de música que nos visita dende a veciña aldea de Xinzo.


SÁBADO 25 DE MAIO
Preme aquí para ver un mapa de Cans e coñecer a ubicación de cada espazo.

10h00 | CanSonoro. Roteiro da música e do patrimonio con Xurxo Souto | Saída da rotonda do Can

10h30 | Descuberta da placa en homenaxe a Os Catro Ventos na Casa de Marisol no Barrio do Castillo | Durante o roteiro CanSonoro con Xurxo Souto

10h00 | Primeiro pase matinal da Sección Oficial de Ficción e Animación + Furacáns | Varios espazos

10h00 | Sección Ultravioleta coa presenza de Diana López, Carmen PG Granxeiro, Eire García e Sara Casasnovas | Jalpón de Alicia

11h00 | MiniCans: Cre-accións. Obradoiro creativo de stop-motion | Centro Educativo Inquedanzas. Barrio do Buraco.

12h00 | Coloquio na Leira con Rodrigo Sorogoyen | Espazo Estrella Galicia na Leira de Alicia

13h00 | Pasarrúas: Banda de Música de Rubiós | Saída da Rotonda do Can

13h30 | Colocación da estrela de Rodrigo Sorogoyen e Leonor Watling + Carlos Blanco Premio Pedigree’19 | Torreiro de Cans

13h30 | Segunda sesión matinal da Sección Ficción e Animación e Furacáns | Varios espazos

13h30 | Sesión Vermú Nordesía: Banda de Música de Rubiós | Torreiro de Cans
13h30 | MiniCans: Concerto Pakolas + ilustracións en directo de Laura Romero | Parque do Río
15h30 | Desfile de chimpíns con charanga | Dende o barrio do Castillo ata o Torreiro e camiños de Cans
16h00 | MiniCans: A Caixiña de Mistos. Inicio de proxeccións periódicas de curtametraxes | Parque do Río
16h00 | MiniCans: Obradoiro de curtametraxes de Mr. Misto | Parque do Río

16h00 | Audiovisual e música: retrospectiva dez anos do proxecto Femina coa presenza do músico e realizador Paulo Furtado (Tigerman) | Jalpón de Alicia

16h00 | Audiovisual e música: estrea de SYD. Efectos especiales que dejan de ser especiales con el tiempo, do director Fernando Epelde + concerto de Chisme. Coa presenza do director, o actor Miquel Insua e a actriz Marta Pazos e o equipo do filme | Cuberto de Mucha do Peso [5 euros]

16h30 | Concerto: MJ Pérez | Escenario Fundación SGAE. Cans Voulevar

16h30 | Primeiro pase da tarde da Sección Oficial de Ficción e Animación + FuraCans | Varios espazos

16h30 | Dálle caña! Encontro con curtametraxistas das Seccións Ficción e Animación | Escenario Estrella Galicia na Leira de Alicia

16h30 | MiniCans: Obradoiro “Son-Cinema” por Juanma LoDo | Cuberto de Pato [3 euros]

17h30 | Concerto Su Garrido Pombo |  Parque do Río

18h00 | Segundo pase da tarde da Sección Oficial de Ficción e Animación + FuraCans | Varios espazos

18h00 | Jalpón dos Oscar: proxección de Madre de Rodrigo Sorogoyen e TimeCode de Juanjo Giménez. Coa presenza dos directores e de Marta Nieto, protagonista de Madre | Jalpón de Alicia [3 euros]

18h30 | MiniCans: Contacontos ilustrado sobre María Casares, con Polo Correo do Vento | Cuberto de Pato [3 euros]

18h30 | Concerto: Patricia Moon | Escenario Fundación SGAE. Cans Voulevar.

19h00 | Audiovisual e música: Retrospectiva de videoclips de Budiño + Presentación do seu novo disco Fulgor | Invernadoiro de Mucha do Peso [5 euros]

19h30 | Terceiro pase de tarde da Sección Oficial de Ficción e Animación | Varios espazos

19h30 | Concerto Psychotropic Boom | Parque do Río

19h30 | Dálle caña! Encontro con curtametraxistas da categoría FuraCans, ExtraCans e a sección Ultravioleta | Espazo Estrella Galicia na Leira de Alicia

20h00 | Colocación da estrela do Gran Wyoming | Torreiro de Cans

20h30 | Concerto: Dakidarría (en acústico) | Torreiro de Cans

21h00| ExtraCans: proxección de curtas internacionais con vínculos profesionais a Galicia. Coa presenza das e dos cineastas | Baixo de Carlos [3 euros]

21h30 | Retrospectiva de curtas de Carlos Blanco, Premio Pedigree 2019 | Jalpón de Alicia

22h00 | Audiovisual e música: Antón Reixa estrea o espectáculo Melancoholemia | Invernadoiro de Mucha do Peso [5 euros]

22h00 | Concerto: Raiceira | Escenario Fundación SGAE. Cans Voulevar

23h00 | Sesión Discochimpín: Seila Esencia DJ | Espazo Estrella Galicia na Leira de Alicia

23h30 | Entrega de premios | Torreiro de Cans

00h30 | Concerto Estrella Galicia: Gran Wyoming & Los Insolventes | Torreiro de Cans

02h00 | Sesión Discochimpín: La Duendeneta DJ | Torreiro de Cans