Case sen darnos de conta, toda unha xeneración de actores e actrices de Galicia superou os cincuenta anos de idade e xa levan máis de tres décadas instalados na nosa iconografía popular. Miguel de Lira é un deses intérpretes que medraron ao mesmo tempo que o foi facendo audiovisual propio de Galicia.
Miguel de Lira (Lira, 1964). Cunha filmografía de máis de vinte filmes, Miguel de Lira foi intérprete e ás veces tamén cómplice de filmes de éxito e representativos do cinema galego recente como “Galatasaray-Depor” de Hannes Stohr, “A esmorga” de Ignacio Vilar, “Os Fenómenos” de Alfonso Zarauza, “Somos gente honrada” de Alejandro Marzoa ou “Crebinsky” de Enrique Otero, película pola que recibiu o premio ao mellor actor protagonista nos Mestre Mateo 2010. Pero, ademais da súa traxectoria en longametraxes, Miguel de Lira é un actor versátil, que ten traballado en curtas, na televisión e no teatro. O seu personaxe de Evaristo Currás na serie “Mareas Vivas” ou o seu papel protagónico na serie da TVG “Pepe o Inglés” convertírono nun actor icónico en Galicia, e a súa labor como fundador da Compañía Chévere desde 1986 estivo recompensada co Premio Nacional de Teatro en 2015. O Festival de Cans non só premia a Miguel de Lira polo seu amplo currículo, traxectoria e versatilidade como actor, senón tamén polo seu compromiso coa sociedade, a cultura do país e o entorno que o rodea.
Miguel de Lira recollerá así o testigo Emma Lustres, homenaxeada o ano pasado, e deixará a súa pegada no Torreiro das Estrelas na Noite das Homenaxes, o venres 26 de maio. Continúa así completándose un grupo de recoñecidos Premios Pedigree compartido tamén con Luis Tosar, Celso Bugallo, Antón Reixa, Chete Lera, María Bouzas, María Pujalte, Mabel Rivera, Xavier Villaverde, Ernesto Chao, Antonio Durán “Morris”, Manuel Manquiña ou Javier Gutiérrez.