O Festival de Cans entregou hoxe, na gala final do seu día grande, os premios correspondentes á súa 16ª edición (coa colaboración de AGADIC). A curta The Widow, de Noelia Muíño, acadou tres dos galardóns: mellor guión, mellor realización e mellor dirección de fotografía para Asia Khmelova. Limbo, de Dani Viqueira, acadou dous dos premios: mellor curtametraxe de imaxe real e mellor banda sonora orixinal para Germán Díaz.
Na animación, a peza escollida foi Soy una tumba, de Khris Cembe, cunha mención especial do xurado para Homomaquia, de David Fidalgo Omil. As categorías interpretativas protagonízanas Marta Nieto, por De repente, la noche, e Jaime Olías, por O que medra por dentro.
Devalar, de Mar García, fíxose co premio á mellor curtametraxe de FuraCans. O xurado, formado polos directores Xacio Baño e Liliana Torres e a xornalista Isabelle Le Gonidec (que participou nesta actividade grazas ao Programa de Internacionalización da Cultura Española de Acción Cultural Española, AC/E), decidiu facer tamén na categoría de non-ficción unha mención especial para Caerán lóstregos do ceo, de Adrián Canoura.
Complétase o palmarés o premio do xurado dos veciños e veciñas á Mellor curtametraxe de imaxe real para O que precede á caída é branco, de Aldara Pagán, e a mención especial que quixeron concederlle a De repente la noche, de Cristina Bodelón e Ignacio de Vicente e co premio do público á Mellor curtametraxe de ficción para O neno bonito, de Fran X. Rodríguez.
- Premio do xurado de ficción e animación á mellor curtametraxe de imaxe real para Limbo, de Dani Viqueira, pola forza do universo sonoro e visual, polos seus convincentes efectos e polo seu final sorpredente.
- Premio do xurado de ficción e animación á mellor curtametraxe de animación para Soy una tumba, de Khris Cembe, pola súa capacidade emotiva, a súa sensibilidade e a súa proposta plástica.
- Mención especial do xurado de ficción e animación a Homomaquia, de David Fidalgo Omil, pola contundencia da historia, a determinación da animación e o emprego do movemento para crear tensión.
- Premio AISGE do xurado de ficción e animación á mellor interpretación feminina para Marta Nieto, por De repente la noche. Pola sutileza expresiva que transmite a viaxe da personaxe ao longo de toda a historia.
- Premio AISGE do xurado de ficción e animación á mellor interpretación masculina para Jaime Elías, por O que medra por dentro. Porque ante a ausencia de diálogos, coa mirada transmite a intención da obra.
- Premio CREA do xurado de ficción e animación á mellor realización para Noelia Muíño por The Widow. Pola dirección actoral e a recreación dunha atmosfera opresiva como motor da historia.
- Premio AGAG do xurado de ficción e animación ao mellor guión para Noelia Muíño por The Widow. Polo emprego da suxerencia e a sutileza por enriba do subliñado.
- Premio do xurado de ficción e animación á mellor banda sonora orixinal, por unanimidade, para Germán Díaz por Limbo, por ser unha banda sonora maxistral, orixinal e arriscada.
- Premio RC do xurado de ficción e animación á mellor dirección de fotografía para Asia Khmelova, por The Widow, polas súas composicións coidadas, o emprego intelixente do reencadre e a luz pictórica.
- Premio do público á mellor curta de ficción e animación para O neno bonito, de Fran X. Rodríguez.
- Premio do xurado de FuraCans á mellor curtametraxe de non ficción para Devalar, de Mar García, por bucear no íntimo cunha visión personal proporcionando unhas imaxes cheas de forza e sutileza, por ter a coraxe de cuestionar os seus lazos familiares e porque o xurado considera que o único xeito de ter unha mirada propia é enfrontarse ás súas propias pantasmas.
- Mención especial do xurado de FuraCans a Caerán lóstregos do ceo, de Adrián Canoura, polo seu traballo arredor do aspecto sensorial, a reverberación do literario da peza e por aparecer coma un raio dentro da sección.
- Premio do xurado dos veciños e veciñas á mellor curtametraxe de imaxe real é para O que precede a caída é branco, de Aldara Pagán, por ter como protagista un tema que está moi á orde do día, pola valentía da directora, que ademais de ser novel se rodeou dun equipo técnico composto por mulleres.
- Mención especial do xurado dos veciños e veciñas para De repente la noche, de Cristina Bodelón e Ignacio de Vicente, pola cercanía da historia e polo bo facer do equipo en todos os aspectos técnicos da peza.
- Premio do xurado de videoclips foi para “Vision”, dirixido por Peque Varela para o grupo Window Pane, polo seu risco, os xogos visuais e o seu ritmo facendo dela unha proposta maxistral de motion graphics que transmite ao mesmo tempo agresividade e contemporaneidade.
- Premio do público dos videoclips foi para “Mártires”, dirixido por Andreia Táboas, para Xoana.
- Mención especial do xurado de videoclips para “Gris”, dirixido por Xaime Miranda para o grupo Basanta, pola súa pulcritude e calidade técnica e por levar o xénero do videoclip ao cinematográfico.