- Premio do xurado á mellor curtametraxe de imaxe real, cunha dotación de 2.000€ e Can de Pedra, para AAVA, de Andrea Zapata-Girau, pola utilización de recursos fílmicos contemporáneos, unha realización arriscada e unha mirada moi persoal traballando sobre diferentes capas como son a emigración, o exilio e a busca dunha nova definición do concepto de maternidade.
- Premio do xurado á mellor curtametraxe de animación, cunha dotación de 1.500 € e Can de Pedra, para Decorado de Alberto Vázquez, por ser un proxecto de animación cunha sólida dirección dende a que se contrúe un universo singular, misterioso e macabro cun dominio moi intelixente e transgresor dos recursos fílmicos.
- Premio AISGE do xurado á mellor interpretación feminina, cunha dotación 250 € e un Can de Pedra, para Arantxa Aranguren por La Madrina, por traballar dende a verdade nun rexistro cómico rozando o límite.
- Premio AISGE do xurado á mellor interpretación masculina, cunha dotación de 250 € e un Can de Pedra, para Ricardo de Barreiro e Xulio Abonjo por Einstein-Rosen, por ser capaces de manter a coherencia dos personaxes cun longo intervalo de tempo e dar naturalidade á complexidade dos diálogos.
- Premio CREA do xurado á mellor realización, dotado con 300 € e Can de Pedra, para Andrea Zapata-Girau por Aava, por narrar dende a primeira persoa e vehicular dende o seu entorno máis cercano unha historia universal.
- Premio AGAG do xurado ao mellor guión, dotado con 300 € e Can de Pedra, para Einstein-Rosen, de Olga Osorio, por ser unha metáfora das relacións de poder que se establecen entre dous irmáns a través dalgo tan estrambótico como é a física cuántica.
- Premio do público á mellor curtametraxe, dotado con 1500 € e Can de Pedra, para Einstein-Rosen, de Olga Osorio.
- Premio do xurado á mellor banda sonora orixinal, dotado cun Can de Pedra, para The magic oven de Manuel Riveiro, porque a peza musical remítenos ao clasicismo dos grandes referentes que temos na animación.
O xurado quere facer unha mención especial a Lago sabroso de Borja Santomé, por ser unha peza merecedora dun impulso pola forza e personalidade única do estilo do autor.
Concurso de clips
O xurado dos videoclips da décimo cuarta edición do Festival de Cans, formado por Manu Viqueira, Marta Gómez, Marta Larralde e Judas Diz, acordou, despois do visionado dos videoclips a concurso e a deliberación, outorgar o Premio do Xurado dos Videoclips ao video do tema “Mi Re La” de Oh! Ayatollah, dirixido por Xaime e Antón Miranda, por conseguir transmitir o espírito da canción. Ao xurado rouboulle o corazón este videoclip por lograr, con recursos mínimos, facer unha relectura á galega do clásico videoclip de Beastie Boys facendo ademáis unha mestura de estéticas oitenteiras, na onda do filme Kung Fury. O xurado desexa que estes irmáns continúen facendo pezas desta calidade e que teñan un bo futuro.