Os Diplomáticos de Monte Alto e Novedades Carminha actuarán no día grande de Cans

Hai 25 anos os Diplomáticos de Monte Alto facían a súa primeira aparición pública no Porriño. Agora regresan de novo á zona para facernos lembrar a todos aquela “Arroutada Pangalaica”, o seu primeiro disco co que saltaron aos escenarios galegos e co que encheron o mundo do seu rock bravú. Farano no Torreiro de Cans ás 00h30 do sábado 21, día grande do festival, nun concerto no que haberá varias actuacións sorpresa de amigos convidados polo grupo coruñés. Será unha das contadas actuacións que ofrecerán este verán, escollendo Cans como escenario, onde xa nos deleitaran cunha pequena actuación sorpresa  no noso emblemático Jaliñeiro hai dous anos.

Para celebrar estes 25 anos da súa “Arroutada Pangalaica”, Mangüi, Rómulo, Vías, Guni e Xurxo Souto entraron no estudo “A Ponte” da man de Tomás Axeitos e gravaron unha nova peza, que ofrecerán en primicia no Festival de Cans acompañada tamén da estrea exclusiva do seu videoclip, dirixido por Pulpiño Viascón. A canción leva por título “A Rabaleira” e xira en torno aos versos de Teresa Ramiro, mariscadora na ría do Burgo, e aos percebeiros que traballan a carón da Torre de Hércules.

14071576768_5a14e42667_o

Ademais, o cantante do grupo, Xurxo Souto continúa sendo un habitual do Festival de Cans. Nesta edición recibirá o “Chimpín de prata” (Premio Pepe Puime) na “Noite das Homenaxes” polo  “amor a primeira vista” que demostrou por Cans dende a primeira vez que veu e pola especial relación que ten coa aldea levando a cabo ano tras ano o noso roteiro “CanSonoro”, no que implica aos veciños e veciñas coa súa música e as súas fantásticas historias. Este ano a popular camiñada volverá estar liderada polo incombustible Souto e estará inspirada na música a partir da toponimia.

 

Os “Campeones del mundo”: Novedades Carminha

Dende o Low Festival ata o Tomavistas 2016 ou o Palencia Sonora. Non hai festival do estado que non queira telos na súa programación e Cans non ía ser menos. Tras ser as súas cancións habituais xa no noso concurso de videoclips, Novedades Carminha chegará por primeira vez ao Torreiro de Cans á tarde-noite do 21 de maio para facernos cantar e bailar tal e como xa fixera Sés o ano pasado. O grupo traerá baixo o brazo o seu novo disco “Campeones del mundo” -recén estreado este mes de abril-, o máis experimental ata o momento e cheo de cancións para rachar coa pista de baile. Creatividade e dinamismo con selo galego para quecer motores de cara á noite do día grande do XIII Festival de Cans.

12715926_878227025631544_6576381775741160839_o

Máis de 20 actuacións e 30 horas de música para non parar de bailar e mover o corpo entre proxección e proxección están agardando por vós!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *