A celebración do XVIII edición do Festival de Cans, deixou datos que a organización valora como “moi positivos e esperanzadores”, no complexo contexto da pandemia. Nesta edición de 2021, o certame dobrou o número de espectadores, ata chegar ás 5.000 persoas que pasaron presencialmente polas diversas actividades do festival nos seus catro días de duración.
Na maior parte das actividades, como proxecións, concertos, coloquios ou exposicións, esgotáronse todas as prazas dispoñibles e nalgúns casos, como a sección de novos valores, Novas Camadas, incluso se tiveron que dobrar as sesións.
O Festival tamén aumentou nesta edición o número de contratacións laborais, chegando ás 121 persoas, fronte as pouco mais de cen contratadas o pasado ano, así como aumentou o número de proveedores locais, contratando servizos a case 40 empresas locais.
Contratacións de proximidade
Das 121 contratacións realizadas, 54 foron contratacións directas, relacionadas con produción, merchandising, traballo en barras ou transporte; 18 de servizos de autónomos relativos á comunicación, producción musical, deseño gráfico ou programación, e 49 de contratación indirecta de empresas que prestaron servizos ao festival, como no caso da limpeza e hixiene, seguridade privada, electricidade ou servizo de catering.
A maioría das persoas contratadas pertencen ó Concello de O Porriño, moitas á propia aldea de Cans, e o resto proceden de concellos limítrofes como Mos ou Salceda de Caselas.
O Festival elixiu entre os seus principais provedores a perto de 40 empresas locais que prestaron diversos servizos. Trátase de empresas coma restaurantes ou ferreterías, pasando por artesáns locais ou servizos de imprenta. O certame segue tendo como obxectivo a filosofía de consumo “Quilómetro 0” de buscar provedores locais e, sobre todo, e na medida do posible, de traballar con pequenas empresas e comercio de proximidade.
Esta edición de 2021 también serviu para reactivar a hostelería local e os establecimentos hoteleiros. Entre o 1 e o 4 de Setembro, o Festival reservou de forma directa 137 habitacións en cinco establecimentos hoteleiros diferentes, para acoller cineastas, músicos, patrocinadores ou convidados.
As curtas de Cans, disponibles `on line´ata o domingo
Por outro lado, as curtametraxes das seccións competitivas de ficción e animación da última edición do Festival de Cans, estarán disponibles en liña ata o vindeiro domingo 19 de setembro. Desde o Festival, e de acordo cos curtametraxistas, acordouse dar mais tempo ó público para que poidan visionar as súas obras na plataforma que está activa na web www.festivaldecans.gal
O público poderá ter opción de visionar as 15 obras a concurso nesta categoría en catro bloques a un prezo de 2 euros cada bloque. Tamén hai a opción dun bono aforro de 5 euros, co que poderán ver a totalidade das obras. A recadación íntegra repartirase na súa totalidade entre creadoras e creadores.