O Festival de Cans e a empresa Carlin entregaron esta fin de semana 25 vales de desconto en material escolar a todas as nenas e nenos de Cans que colaboraron como guías dos camiños na última edición da mostra de curtas.
Deste xeito o Festival quere recompensar o traballo dos seus colaboradores de menor idade, e ó mesmo tempo manter a súa responsabilidade social para axudar a aldea en temas relacionados coa educación e coa cultura.
Estes 25 rapaces de Cans de entre 8 e 12 anos que este ano colaboraron co Festival de Cans reciben nos días previos instrucións para preservar os valores da solidariedade e da igualdade que fomenta o evento e tamén acceden libremente a algúns dos filmes que se proxectan no mesmo.
Os guías dos camiños serán os futuros organizadores do Festival, por iso tratamos de educalos, orientalos e coidalos.