O FESTIVAL DE CANS VOLVE A REBASAR A CIFRA DE 200 OBRAS INSCRITAS NA SÚA XXII EDICIÓN

O Festival de Cans, cuxa XXII edición terá lugar na aldea de Cans (O Porriño) entre o 20 e o 24 de maio, recibiu un total de 230 obras inscritas nas diferentes categorías, o que mantén a liña que iniciou en 2023 de superar a cifra de 200 inscripcións.

Os datos son considerables xa que o certame só admite a concurso obras de autores e autoras galegos aínda que resulta salientable que os traballos recibidos foron enviados por creadores e creadoras galegos residentes en ata seis países como Bélxica, Portugal, Reino Unido, Alemaña, México e Arxentina, así como noutras cidades españolas como Madrid, Barcelona, Donosti ou Valencia.

O Festival de Cans recibiu este ano 41 obras na categoría de Ficción, que conta cunha ampla variedade narrativa que vai desde as curtas de xénero á comedia ou obras que se moven nas fronteiras do documental.

En Non Ficción o certame recibiu 38 obras para competir na categoría Furacans. Na categoría de Novas Camadas, destinada a menores de 25 anos, recibiu 32 obras, e na categoría de animación, 11, cifra que garante que haberá un ano máis unha sección específica adicada á animación.

Tanto en Ficción como en Non Ficción, numerosas obras terán a súa estrea no Festival de Cans xa que moitos traballos teñen pendente a súa estrea en España e en Galicia.

No relativo á categoría de videoclips, onde o Festival de Cans é un dos certames referencia do Estado pola importancia que concede aos vídeos musicais de autor, contabilizáronse 89 inscripcións, o que supón un aumento respecto ao ano pasado, cando se apuntaron 85 pezas. Nesta categoría, están grupos de diferentes estilos que representan a variedade e a riqueza actual da música en Galicia. Desde o pop e o rock, pasando polo rap, o metal, os cantautores ou as diferentes mesturas xurdidas a partir da evolución da música tradicional.

No apartado de outras obras, onde forons inscritas webseries, videocreacións e traballos máis experimentais, tamén se mantén a liña da pasada edición, con 19 inscripción.

O equipo do festival está a traballar agora no proceso de selección do que sairá o número limitado de obras que participarán nas diversas categorías da competición oficial e que poderán optar aos 13.000 euros en premios que repartirá o certame, o que supón un aumento da dotación económica en relación a edicións pasadas e unha das novidades desta competición.

Ademais, o Festival traballa tamén no peche das diferentes vías de financiamento, con institucións públicas e privadas. En relación a este último grupo, o equipo de Cans está tratando de achegar novos patrocinadores no relativo ás empresas privadas ao tempo que segue ultimando os flecos da programación e convidados que pasarán polo certame nesta XXII edición.