O FESTIVAL DE CANS SEGUE TRABALLANDO CO HORIZONTE POSTO NAS DATAS PREVISTAS, PERO NON DESCARTA UN APRAZAMENTO

A alerta sanitaria derivada do Covid-19 mantén en vilo á organización do Festival de Cans, que tampouco permanece allea a esta situación. Aínda que o festival segue traballando co horizonte posto nas datas previstas inicialmente para a celebración do evento, do 19 ao 23 de maio, non se descarta un posible aprazamento.

A forma na que están a desenvolverse os acontecementos,  non permite asegurar neste momento que a situación vaia estar normalizada a finais de maio. Por este motivo, a organización busca actuar con prudencia e garantir que a protección da saúde prevaleza como criterio irrenunciable á hora de tomar calquera decisión.

Desde os primeiros días de marzo, o festival está en contacto coas autoridades sanitarias e acatará as súas recomendación á hora de tomar unha decisión sobre a celebración  do evento. A decisión definitiva, en todo caso, tomarase no prazo máximo dun mes, e irase informando tamén ás veciñas e veciños da aldea que colaboran co festival para mantelos ao tanto dos pasos que se vaian dar.

Outro dos factores a ter en conta son os numerosos desprazamentos previstos de cineastas e artistas desde fóra de Galicia e desde diversos países de Europa e mesmo de América, cuxas entradas e saídas están sendo moi restrinxidas. Polo tanto, a volta á normalidade será un requisito imprescindible para facer posible, dende o punto de vista loxístico, a celebración do Festival.

AGRADECEMENTO AO PERSONAL SANITARIO E SOLIDARIEDADE COS FESTIVAIS DE CINE APRAZADOS

O Festival de Cans quere expresar publicamente o seu agradecemento ao traballo exemplar do personal sanitario, sobre todo ás e aos que traballan na Sanidade Pública, pola súa dedicación e o seu esforzo nestes momentos tan difíciles.
Por outro lado, o Festival de Cans quere mostrar a súa solidariedade con todos os eventos que tiveron que ser cancelados pola alerta sanitaria do Covid-19. Especialmente cos tres festivais de cine galegos que tiveron que anunciar xa o seu aprazamento, como son a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), de Santiago de Compostela, o Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay e o Play-Doc de Tui.