A XVIII edición do Festival de Cans, que terá lugar do 1 ao 4 do vindeiro mes de setembro, partirá do exitoso modelo que seguiu o pasado ano, e que permitiu a celebración do certame con total normalidade. Desde a organización do festival trabállase na preparación dun certame extremando todas as precaucións, gardando as distancias sociais requeridas en cada espazo e mantendo o esixente plan de limpeza e desinfección dos jalpóns, despois de cada proxección ou cada actuación.
O Festival tamén reforzará os efectivos de seguridade interna coa intención de que haxa un control de accesos e saídas fluido en todos os jalpóns e en todos os camiños da aldea, sobre todo no horario de peche do festival, que en ningún caso rebasará a 1 da noite.
O esquema será semellante ao da última edición, cunha ampla carpa no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río, para as actuacións principais e entrega de premios, cun aforo máximo de 300 persoas sentadas e con distanciamento. Para acceder a este recinto deberase estar identificado, todo o mundo que queira asistir a este espazo ou a algunha outra actividade terá que comprar unha entrada ou facer a unha preinscripción gratuita.
O Festival recuperará nesta edición algúns dos seus espazos emblemáticos, como o Torreiro, ou o Jalpón e o Invernadoiro de Mucha e Juan do Peso. Ambos espazos serán destinados a actividades como pequenas actuacións musicais ou coloquios, sempre co público sentado. Todos os jalpóns do festival manterán o aforo reducido, que non rebasará o 50% e será preciso o uso de mascarilla durante as proxecións. O festival prefire manter prudencia no aforo, a pesar de que a normativa permite unha ocupación de ata un 75%.
Con respecto aos chimpíns, e o mesmo que aconteceu na pasada edición, o seu uso estará limitado a catro persoas, e só circularán de xeito honorífico para homenaxeadas e homenaxeados e equipos dos filmes, nas tres procesións previstas o xoves 2 no Porriño, e o venres 3 e sábado 4 en Cans.
Gustaríame saber cando se inicia o prazo para ir de asistentes.
Moitas grazas
Boas Teresa,
nestes momentos na nosa tenda online: https://tenda.festivaldecans.com/ tes dispoñibles entradas e inscricións para algunhas actividades.
Iremos subindo máis nos próximos días.