O Festival de Cans, cuxa XXII edición terá lugar do 20 ao 24 de maio nesta aldea de O Porriño, estreará este ano un documental sobre os 70 anos do tráxico accidente que marcou a toda unha xeración. En Febreiro de 1955, un total de 31 persoas morreron queimadas tras incendiarse un autobus que envorcou diante da escola dos nenos, xusto no lugar onde hoxe existe un monumento que lembra este suceso.
Este vehículo de transporte ía cargado de feirantes que se dirixían á feira de Ponteareas. Moitos destes feirantes eran moi coñecidos na comarca, que quedou conmocionada por este suceso que tivo naquel momento un impacto mediático de alcance internacional.
O Proxecto Cans 303, documental colectivo coordinado por Juanma Lodo, e no que traballan alumnas e alumnos da aldea de varias xeracións, busca preservar ano tras ano a memoria da aldea, sustentada sobre todo na testemuña oral das persoas de máis idade. Nesta ocasión estase a traballar nun censo dos entón nenos que aínda vivan na actualidade e que poderían estar nesa escola, cuxas idades rondarían hoxe os 80 anos e que contemplaron esceas que os marcarían de por vida.
Neste proceso de construción colectivo e traballo interxeracional coa comunidade local, o Festival de Cans pide tamén a colaboración de persoas familiares de vítimas ou dos escasos supervivintes, que poidan aportar algún tipo de información así como documentos, hemeroteca ou fotografías desa época. As persoas que poidan facer aportacións poden contactar co certame por mensaxe privada nas redes sociais do festival, no correo-e festivaldecans@festivaldecans.com ou vía wahtsapp no teléfono 657062771.
Música de Pancho Álvarez para o cantar de cego de Cans
O equipo do documental, que leva traballando desde meses atrás, tamén rescatou un histórico cantar de cego arredor desta traxedia que os cegos contaban de feira en feira, vendendo copias destas coplas.
Este cantar de cego será musicado por Pancho Álvarez, multiinstrumentista que formou parte do núcleo fundacional do grupo folk “Na Lúa”, e na actualidade forma parte da banda de Carlos Núñez, mentres desenvolve en paralelo unha traxectoria en solitario.
O documental terá a súa estrea no Torreiro de Cans o mércores 21 de maio, o coñecido como Día dos Veciños e tradicionalmente un dos días máis emotivos do festival.