O FESTIVAL DE CANS IMPULSA UN CONCURSO DE BOOKTRAILERS

O Festival de Cans, que terá lugar entre o 23 e 26 de maio deste ano, impulsará nesta XV edición un concurso de booktrailers e booktubers, que ten como obxectivo estimular a lectura en galego e a creación audiovisual entre persoas de todas as idades, pero sobre todo entre as máis novas e os máis novos.
Estas pequenas pezas creativas, que consisten en resumir en poucos minutos de imaxes o contido dun libro, están a medrar cada vez máis na rede, ata o punto de que comeza a haber concursos específicos en festivais, adicados a esta modalidade.

Este concurso chamado “Ollo de vidro” enmárcase dentro dunha iniciativa da canle de YouTube Recoméndoche un libro, impulsada en anos anteriores por varias institucións de Vigo como a Biblioteca Neira Vilas, O IES Castelao e a Escola Oficial de Idiomas, ademáis da Asociación de Veciños de O Calvario, entidade patrocinadora do evento. Ademáis, este ano incorpóranse tamén ó proxecto dúas institucións moi activas de O Porriño, como a Biblioteca Pública e o IES Pino Manso, pero a participación estará aberta a todas as persoas que o desexen.

Nos últimos dous anos, o Festival de Cans está a desenvolver unha liña de contidos enfocada sobre todo ó público máis novo, onde busca visibilizar e impulsar o cruce de camiños creativo entre a literatura e o audiovisual. En anos anteriores, Cans tivo interesantes mostras de booktrailers, e polo festival pasaron autoras e autores e editores relevantes da literatura galega, así como realizadores a realizadoras especializados nos booktrailers.

Este ano, co certame “Ollo de vidro”, converterase nun concurso aberto á participación no que un xurado específico escollerá unha selección de finalistas, que serán proxectados en Cans. Durante o festival celebrarase esta gran final, na que se desvelarán os gañadores. O primeiro premio estará dotado con 400 euros, o segundo con 250 euros e o terceiro premio cunha estancia en Cans con noite de hotel e entradas para asistir ó concurso de curtametraxes. Todos os premios teñen tamén dotacións en lotes de libros e esculturas e placas conmemorativas.

Ata o 23 de Abril está aberto o prazo de inscripción e as bases da convocatoria e o concurso poden seguirse en www.recomendocheunlibro.com.