O Festival de Cans, que este ano celebrará a súa XX edición do 16 ao 20 de maio, foi seleccionado entre o mellor dos eventos culturais en Galicia no ano 2022. O prestixioso informe impulsado desde Madrid pola Fundación Contemporánea situou ó Festival de Cans como a terceira insignia cultural máis destacada, só por detrás do festival de teatro FIOT de Carballo e o Festival Sinsal.
Neste ranking de referencia, no que participaron 408 profesionais da cultura de toda España, o Festival de Cans aparece no terceiro lugar empatado coa Cidade da Cultura, o Festival Cineuropa, o Museo CGAC e o Festival Wos, todos eles entidades e certames de prestixio que teñen lugar na cidade de Santiago de Compostela.
Nas vinte primeiras posicións deste ranking só aparecen catro entidades da provincia de Pontevedra. Ademáis de Cans e do Festival Sinsal, tamén están o Museo Marco de Vigo, no posto 8, e o Festival Portamérica, no posto 18.
Este é o quinto ano consecutivo no que o Festival de Cans é elixido como un dos principais eventos neste informe de referencia para os profesionais da cultura. A dimensión e relevancia deste ranking refléxase na relación de institucións que acadan os primeiros postos a nivel do Estado, entre os que están o Museo do Prado, o Museo Reina Sofía, o Museo Thysen-Bornemisza e o Festival de cine de San Sebastián.
Un dos mellores festivais de España no eido rural
Por segunda vez, o ranking anual da Fundación Contemporánea elixe os que considera 40 mellores eventos culturais de España celebrados nun contexto rural. Neste listado, que non establece unha orde numérica, está tamén o Festival de Cans, como único certame elixido da provincia de Pontevedra e un dos únicos cinco eventos deste tipo seleccionados en Galicia. Ademáis de Cans, os outros eventos elixidos son o Festival da Luz en Boimorto, O Festival dos Eidos no Courel, o Agrocuir na Ulloa e o festival de música clásica Bal y Gay na Mariña de Lugo.