O FESTIVAL DE CANS E GADIS FAN ENTREGA DE 25 CESTAS DE NADAL A VECIÑAS E VECIÑOS DE CANS

O Festival de Cans e a empresa Gadis entregaron nestas datas de nadal no Torreiro de Cans, un total de 25 cestas con produtos navideños a todas as veciñas e veciños de Cans que colaboran prestando as súas casas durante os días do certame.
Estas cestas valoradas en 50 euros, que se entregan grazas ó apoio habitual de Gadis, patrocinador do festival, queren ser un agradecemento da organización a todas as persoas que durante o festival prestan desinteresadamente os seus baixos, galpóns ou adegas, para convertelos en salas de proxeción, lugares de concertos, zonas de comidas e convidados ou almacéns de produción.
A cesión das súas propiedades converte a Cans nun dos festivais máis singulares do mundo, ó permitir que as súas propiedades privadas se convirtan nuns días en espazos públicos, abrindo con xenerosidade as portas a todo o mundo para compartir cine, música ou coloquios e encontros.
Esta entrega enmárcase dentro do apoio e retorno que o festival quere dar a aldea, e que se suma a accións como a entrega o pasado mes de setembro de trinta vales desconto en material escolar, destinado a todas as nenas e nenos da aldea que colaboran de xeito entusiasta coa organización.

Desde o festival tamén se entrega unha cesta ás familias que este ano lles toca organizar as festas de Santo Estevo en Cans. Estas cestas van destinadas ás tradicionais poxas dos paos, de gran tradición na aldea. Ademáis desta donación, o festival tamén colabora coas festas locais cunha achega económica e con axuda loxística puntual, intentando continuar esta colaboración estreita coa aldea nas vindeiras edicións e poder contribuir ó desenvolvimento cultural e educativo durante todo o ano.