O Festival de Cans e a cadea de papelarías Trazos fixeron entrega dun vale de 25 euros en material escolar a cada un dos vinte nenos e nenas que participaron como Guías dos Camiños na última edición do festival. Cada neno poderá canxear este vale por material escolar nesta cadea de papalerías.
Cans impulsa esta inciativa buscando axudar á economía das familias no inicio de curso, e contribuir á donación de material educativo para estas nenas e nenos, que teñen entre 8 e 16 anos e cuxo traballo consiste en guiar nos camiños ao público que asiste ao certame. Moitos destes rapaces continuarán despois no organigrama do festival asumindo roles de maís relevancia conforme vaian chegando a adultos.
O certame segue unha metodoloxía organizativa onde os nenos máis pequenos van sendo coordinados por outros maiores, e estes á súa vez son tutelados por persoas adultas, coñecedoras da dinámica do festival. Deste xeito vanse rotando en cada edición para coñecer un por un os departamentos do festival, co obxectivo de que eles sexan os que asuman a organización no futuro.
Ademáis, o festival convida e estimula a estes rapaces para que asistan ás proxecións, ós obradoiros que se organizan e adquiran tamén os primeiros coñecimentos no proceso de alfabetización arredor do cinema. Coordinados pola veciña de Cans Rosa Bernárdez, a intención do festival é estimular a participación destes nenos, dun xeito didáctico e educativo, buscando que se identifiquen co festival e adquiran valores como a igualdade, a solidariedade, a conservación do patrimonio histórico e natural e o respecto ao legado dos maiores, á vez que absorban a dinámica do traballo en equipo.
Nesta liña de traballo e de vínculo dos máis pequenos coa aldea o Festival ven de botar a andar a Asemblea de Nenos, anunciada nos pasados días, onde as nenas, nenos e mozos son escoitados para facer as súas aportacións sobre os contidos e a nivel organizativo.