Coloquio Jorge Coira 2022

O FESTIVAL DE CANS CALIFICADO ENTRE OS CATRO MELLORES PROXECTOS CULTURAIS DE GALICIA

O Festival de Cans, cuxa XIX edición terá lugar entre o 18 e o 21 de maio, volve estar por quinto ano consecutivo entre os mellores proxectos culturais de Galicia en 2021. Estes datos acaban de ser publicados no Informe anual do Observatorio de la Cultura da Fundación Contemporánea, o ranking máis prestixioso de España no ámbito cultural. Por vez primeira ademáis, esta Fundación con sede en Madrid, valorou os proxectos culturais que teñen lugar en entornos rurais. Nesta clasificación, da que non se publican votacións, Cans foi elixido o primeiro certame de Galicia, e clasificado entre os principais proxectos culturais do Estado no ámbito rural e o único na nosa comunidade.

No ámbito das principais insignias culturais de Galicia (páxina 33 do informe), Cans foi clasificado só por detrás de tres grandes institucións culturais radicadas en cidades, como o Teatro Rosalía de Castro en A Coruña, a Cidade da Cultura de Galicia ou o Festival Cineuropa. No cuarto posto, aparecen empatados co 30,30% dos votos o Festival de Cans e un centro institucional como o CGAC (Centro de Arte Contemporánea de Galicia). Esta valoración do Festival de Cans cobra aínda máis relevancia se temos en conta que é o único evento independente nos primeiros postos, que non é rexido por un organismo da Administración Pública, caso do Rosalía de Castro, do Concello de A Coruña, Cidade da Cultura e CGAC da Xunta de Galicia ou Cineuropa, do Consorcio da Cidade de Santiago.

O certame porriñés foi escalando postos neste prestixioso ranking. En 2019 ocupou o lugar número 12, en 2020 o quinto posto e neste ranking do 2021 subiu a este cuarto posto, no que supón unha gran valoración sobre a progresión do certame. Este ranking confeccionouse en 2021 coas opinións de case catrocentos expertos culturais de todo o Estado, entre os que están creadoras e creadores de diversos ámbitos, críticos, programadores, xornalistas culturais, xestores de grandes institucións públicas e privadas e xestores culturais independentes.

Nas actividades culturais de ámbito rural de toda España, o Festival de Cans foi valorado entre os primeiros (páxinas 48 e 49 do informe), á beira de institucións como o Museo Chillida Leku en Hernani (Guipúzcoa), o Festival de Teatro Clásico de Olite en Navarra ou a Fundación Cerezales en León, todas elas institucións e certames de gran prestixio. Esta valoración significa un gran recoñecimento para o traballo continuado do certame. O nome desta pequena aldea aparece deste xeito incluido nun ranking liderado a nivel Estado por macrocentros culturais de grandes orzamentos como o Museo Reina Sofía, Museo do Prado ou Museo Thyssen en Madrid ou o CCCB de Barcelona.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *