Unha edición máis, o Festival de Cans sitúanse como un dos proxectos culturais con impacto social e económico das súas actividades no ámbito xeográfico no que se desenvolve, dinamizando a economía local e incrementando o número de postos de traballo asociados ao certame.
Nesta XVI edición creáronse 132 contratacións ao longo dos catro días de Festival (fronte aos 126 postos de traballo xerados na pasada edición e aos 110 do ano 2017). Desa cantidade, 65 persoas foron dadas de alta pola organización a través de contratación directa para cubrir tarefas como servizo de barras, transporte, produción ou venda de tickets e merchandising. Ademais, foron contratados 15 profesionais autónomos (que realizaron tarefas de programación, produción, comunicación ou deseño gráfico) e tamén se fixeron efectivas outras 52 contratacións a través de empresas que realizaron traballos específicos para o festival como a montaxe de carpas, o son, a electricidade, a limpeza, o cátering ou seguridade. A esta cifra hai que sumar os postos de traballo que xerou o festival indirectamente nos negocios de hostalaría e establecementos hoteleiros do concello do Porriño, que xa colgaban o cartel de completos antes do comezo do certame. Deste xeito, continúa a implicación do Festival de Cans por contratar os seus servizos a empresas e ao pequeno comercio do concello para favorecer aos negocios locais e fomentar a economía de proximidade.
O bo tempo animou ao público a achegarse a Cans durante o venres e o sábado –día grande do festival–. Os autobuses funcionaron durante estes dous días para transportar dende O Porriño a case 4.000 persoas que acudían ás actividades do venres á tarde e ás proxeccións matinais do sábado. Este número supón un incremento dun 30% de traslados con respecto ao ano pasado. Por outra parte, tamén é considerable o público que se desprazou nos taxis locais que traballaron ata a madrugada desprazando xente dende Cans durante o venres e o sábado do festival. Outro dos datos que marca o enorme interese e expectación do certame foi o aumento do tráfico á web do Festival de Cans que acadou ás 100.000 visitas, fronte ás 75.000 que tivera fai un ano.
A pesar do incremento de público, que nesta XVI edición bateu o seu récord histórico con 15.000 asistentes, non houbo incidencias graves que atender no posto médico do festival, o que vén a manifestar o bo comportamento do público que acode a Cans para divertirse de xeito correcto.
Reducir o impacto medioambiental do Festival
Nesta edición reducíronse considerablemente o volume de residuos e de plástico en toda a aldea coa implantación dos vasos reutilizables, un gran paso na aposta do festival por reducir o impacto medioambiental, coidar o entorno e molestar o menos posible aos veciños e veciñas de Cans.
A organización tamén quere agradecer o traballo que exerceu a Policía Local, a Garda Civil de Tráfico, Protección Civil e ao persoal do Concello que traballaron durante a semana previa e durante o festival para que todo se desenvolverá con normalidade e o Festival fose un éxito.