O FESTIVAL DE CANS ABRE CONVOCATORIA PARA A SÚA XVI EDICIÓN

O Festival de Cans traballa xa a tope na XVI edición do festival, que este ano terá lugar entre o mércores 22 e o sábado 25 de maio. Este martes, 8 de xaneiro, o festival abre a súa convocatoria a concurso para a recepción de curtametraxes, de ficción, animación, non ficción, así como de videoclips, aínda que tamén estará aberto a recibir mesmo longametraxes. A inscrición poderase realizar de xeito totalmente gratuito a través desta web e o prazo de inscrición estará aberto cerca de dous meses, ata o domingo 3 de marzo.

Por vez primeira nos dezaseis anos de historia do festival, todos os premios terán dotación económica, ata chegar á cifra total de 8.900 euros, o que supón un incremento de 1000 euros con respecto á edición anterior (máis dun 10%).  Así mesmo, por primeira vez premiarase a mellor dirección de fotografía, nun xeito de estimular unha interesante xeración de profesionais que está a emerxer. Tamén por vez primeira vez os premios á mellor banda sonora e o outorgado polo xurado dos veciños terán dotación económica.

A organización considera que é un esforzo que debe asumir, e ratifica así o seu compromiso co apoio e promoción de novas creadoras e creadores, ós que irá destinada esta dotación económica.

Nesta edición, os xurados e o público do festival otorgarán un total de trece Cans de Pedra, o singular galardón do festival, que este ano irá acompañado de premios en metálico en todas as categorías.

O máis relevante será o premio do xurado á mellor curta de ficción dotado con 2.000 euros, ademáis dos premios do público á mellor curta, dotado con 1.500 euros e o premio do xurado á mellor curtametraxe de animación, dotado tamén con 1.500 euros. Ademáis, Cans mantén a súa aposta pola categoría de non-ficción, denominada Furacáns, que terá un premio outorgado polo xurado de 1.000 euros. Na pasada edición, a inclusión desta categoría que premia as narrativas cinematográficas máis arriscadas, supuxo un enorme éxito e desde a organización agárdase que continúe medrando nesta edición.

O premio do xurado ó mellor clip estará dotado con 500 euros e o premio do público ó mellor clip con 300 euros. O resto das categorías premiadas terán todas unha dotación de 300 euros: mellor interpretación femenina, mellor interpretación masculina, mellor banda sonora orixinal, mellor dirección, mellor guión, mellor curtametraxe elexida polo xurado das veciñas e veciños e a de mellor dirección de fotografía, que se incorpora nesta edición.

>>> Bases XVI Festival de Cans

>>> Inscrición online XVI Festival de Cans