O FESTIVAL DE CANS ABRE A SÚA CONVOCATORIA E AUMENTARÁ A DOTACIÓN ECONÓMICA EN PREMIOS ATA OS 13.000 EUROS

O Festival de Cans, que celebrará a súa XXII edición do 20 ao 24 de maio de 2025, abre este xoves o prazo de inscrición de obras para a súa competición oficial. Entre as novidades desta competición estará o aumento da dotación económica en varios dos premios ata chegar a cerca dos 13.000 euros.

Despois do éxito do pasado ano, no que máis de 12.000 persoas pasaron pola aldea ao longo dos cinco días de festival, Cans volverá repetir a fórmula do certame, que arrancará o martes 20 e terá o seu día grande o sábado 24 de maio.

Os autores que desexen participar no festival xa poden inscribir de xeito gratuito as súas curtametraxes, videoclips, webseries e mesmo longametraxes inéditas na plataforma gratuita habilitada na web do Festival de Cans. A organización dará preferencia ás obras que sexan estreas absolutas, pero pode inscribirse calquera tipo de obra recente producida entre os anos 2024 e 2025. Os premios máis relevantes da competición serán o Premio do Xurado a mellor curta de ficción, dotado con 2.000 euros, O Premio á Mellor curta de animación, dotado con 1.800 euros, ou os Premios do Público ou da categoría de non ficción, dotados con 1.500 euros cada un.

A organización tamén otorgará un premio de 1.000 euros na categoría de Novas Camadas, destinada aos creadores de ata 25 anos. Ademáis, cada obra que reciba o Premio do Xurado nas categorías de ficción, animación e Premio do público, recibirá unha dotación engadida de 300 euros en concepto de dereitos de difusión da súa obra no ciclo Cinemaldea. O premio á mellor fotografía RC Service obterá 1.000 euros, que serán canxeables por material profesional de rodaxe. A convocatoria admite tamén a inscripción de obras que non estean aínda completamente finalizadas, en fase de postrpodución ou montaxe, na data límite de inscrición, o día 2 de marzo.

>>> Bases.
>>> Inscrición Online.