A 15ª edición do Festival de Cans comeza mañá mantendo o seu espírito de sempre, ese agroglamour que xunta o achegamento ás últimas novidades culturais e cinematográficas e a celebración da identidade da aldea. Así, o primeiro día do Festival acollerá a proxección de Versogramas, un documental sobre o fenómeno da videopoesía dirixido por Belén Montero e Juan Lesta, que presentarán o filme xunto con Antón Reixa e a poeta e produtora Celia Parra. Pero ao tempo que se presta atención a esa nova tendencia, o mércores segue a ter lugar en Cans a Noite dos veciños e veciñas: a partir das 22:00, logo da homenaxe do Festival aos veciños Chelo Casalmorto e Constante Romero, o Torreiro acollerá a actuación das Pandereiteiras de Cans e os acordeonistas Acordecans ou a presentación do xurado dos veciños e dos guías dos camiños, ademais da estrea de Dona Sara: a semente dunha mestra. Este documental, realizado por persoas da aldea no marco do proxecto Cans303, céntrase na figura de Sara Quinteiro, que foi mestra en Cans durante varias décadas. Co gallo da estrea espérase reunir alí a moitas das súas antigas alumnas para completar a recuperación desa memoria local, un dos obxectivos primordiais deste proxecto que dota aos habitantes de Cans das ferramentas e coñecementos necesarios para crear pezas audiovisuais.
Día literario en Cans
En paralelo a ese protagonismo da veciñanza, a programación do día inaugural do Festival de Cans destaca pola atención prestada á literatura. Ademais da proxección de Versogramas ás 17:00 no Baixo de Bugarín, ás 19:00 terá lugar no mesmo espazo a Final de ‘Ollo de Vidro’, o concurso de booktrailers que o Festival impulsou este ano partindo da iniciativa da canle de YouTube Recoméndoche un libro. Os creadores e creadoras destas pezas audiovisuais resumen en poucos minutos o contido dun libro utilizando todo tipo de recursos imaxinativos para poñer imaxes ás palabras, e optarán a diversos premios outorgados por un xurado. Completa o programa literario o roteiro cinéfilo-literario que conducirá o escritor Carlos Meixide, autor da novela xuvenil Cans, ambientada na aldea. Meixide partirá ás 11:00 dende a Rotonda do Can para realizar estes paseos o mércores, xoves e venres, levando ás persoas asistentes polos enclaves que aparecen no seu libro e inundándoo de interesantes anécdotas e referencias cinematográficas.
Pioneiros
Tamén ocuparán o mércores, xoves e venres os Coloquios AISGE, promovidos pola entidade de xestión de dereitos dos intérpretes. O encontro inicial leva o título de Pioneiros no oficio de interpretar e protagonizarano dous nomes fundamentais no teatro e o audiovisual galego: Manuel Lourenzo(de actualidade polo seu papel de Terito en Fariña) e Pilar Pereira repasarán os diferentes retos afrontados pola profesión ao longo da súa dilatada carreira. Completa a programación do mércores a realización en directo do programa de Radio 3 El séptimo vicio, onde a xente de Cans volverá ser protagonista, e a apertura no Centro de día de Torneiros da exposición Cans Senior, na que maiores de máis de 25 centros de día de toda Galicia reinterpretaron a icona do festival: a silueta do Can de Cans.
MÉRCORES 23 DE MAIO
Preme aquí para ver un mapa de Cans e coñecer a ubicación de cada espazo.
10h00 | Cans do Futuro | Baixo de Bugarín
10h30 | Cans Senior. Apertura da exposición e entrega de premios | Centro de día de Torneiros
11h00 | Roteiro cinéfilo-literario con Carlos Meixide | Saída da Rotonda do Can
11h30 | Coloquio AISGE: Pioneiros no oficio de interpretar. Con Manuel Lourenzo e Pilar Pereira | Baixo de Moncho
17h00 | Estrea: Versogramas. Cos directores Belén Montero e Juan Lesta e a produtora Celia Parra | Baixo de Bugarín
19h00 | Final de “Ollo de Vidro”, concurso de booktrailers e booktubers | Baixo de Bugarín
20h00 | Radio 3 en directo: El séptimo vicio, con Javier Tolentino | Baixo de Moncho
21h00 | Homenaxe ao Can e descuberta do traxe deste ano, coa música das Pandereiteiras de Cans | Rotonda do Can
21h30 | Colocación do Chimpín de Prata a Chelo Casalmorto e Constante Romero | Muro dos Chimpíns
22h00 | Noite dos veciños | Torreiro de Cans
Presentación do xurado dos veciños
Presentación dos guías dos camiños
Estrea de Dona Sara: a mestra rebelde, documental realizado no Proxecto Cans 303.
Avance do documental Catorce Cans, making of do 14º Festival de Cans.
Actuación das Pandereiteiras de Cans e os acordeonistas Acordecans.