Por primeira vez na súa historia, o Festival de Cans incorpora na súa Sección Oficial unha competición de curtametraxes de non ficción, que leva o nome de FuraCans. Deste xeito, outorga un espazo preeminente a aqueles filmes que exploran as diferentes variantes do documental e o cinema experimental, dando un novo pulo a esta sección ofrecéndolle ao público de Cans unha mostra de pezas cheas de procura estética e con xeitos de narrar afastados do convencional.
A selección, que terá dous pases o sábado 26 na Casa de Mari, é ben variada e recolle a riqueza de fórmulas presente no Festival habitualmente a través de nove curtametraxes. Así, atopamos por unha banda aproximacións ao documental dende unha perspectiva social, como Marxes, de Sara Chuerches (que celebrará a súa estrea absoluta en Cans); ou La mujer invisible, a curta de Noemí Chantada gañadora de tres premios en Curtocircuito, froito dunha longa e sensible investigación sobre mulleres en situación de prostitución. Por outra banda, hai na escolma pezas que traballan con material etnográfico como Salitre nas veas, de Adrián Canoura; Rapa das bestas, de Jaione Camborda; ou Charkpen (esperanza) de Paulino Cadórniga. Se esta última ten un espírito fotográfico no seu rexistro dos pobos indíxenas Selk’nam en Arxentina e Chile, as curtas de Canoura e Camborda empregan recursos experimentais para achegarse ao traballo dos mariñeiros e á citada rapa das bestas respectivamente. Esta experimentación estética é común a pezas como Forest, de Guille Vázquez; ou Tiempo, de Alicia Alonso, que tamén se verá por primeira vez no Festival. Completan a selección dous filmes encadradas en proxectos ambiciosos dos seus autores: Americano, curta de Fon Cortizo sobre Emanuel Xavier, unha das voces máis representativas da escena Spoken Word de Nova York, que é parte do seu traballo prolongado arredor de poetas e o seu proceso creativo. Por último, Europa, de Hugo Amoedo, forma parte dunha “Triloxía Belga” deste cineasta galego que utiliza o formato do diario fílmico e que xa pasou por ZINEBI, ALCINE ou o OUFF.
Dende onte, xoves 26 de abril, as entradas para FuraCans están dispoñibles en tenda.festivaldecans.com a un prezo de 5 euros, e poderán retirarse durante o festival no posto de merchandising. Estas entradas darán acceso a un dos dous pases de FuraCans, que terán lugar o sábado 26 de maio na Casa de Mari, ás 17h00 e ás 20h30. O aforo é reducido, limitado só a 100 entradas para cada pase, polo que se recomenda adquirilas axiña.
‘El séptimo vicio’ instalarase en Cans
A programación do Festival vén de sumar outra presenza fundamental do mundo do cinema en España: Radio 3 fará unha programación especial en Cans para celebrar o 15º do certame. Javier Tolentino realizará tres días consecutivos en Cans El Séptimo Vicio, o programa de referencia dos cinéfilos e cinéfilas.
Esta exhaustiva e completa cobertura, da que normalmente só son obxecto os principais festivais internacionais, indica a cada vez maior relevancia do Festival de Cans no sector. O público poderá acceder á realización en directo de varios destes programas en lugares tan emblemáticos do Festival coma o Baixo do Moncho e gozar das entrevistas, encontros con cineastas e actuacións musicais deste espazo clásico da radio.