“Mulleres da raia”

Tomade nota! Este domingo día 24 de abril ás 19h00 volve o cinema á Sala Ingrávida cun novo pase do ciclo “Sen un can” que organizamos conxuntamente. Desta volta será a quenda dun filme documental que nos toca moi preto xeográficamente: Mulleres da raia, dirixido por Diana Gonçalves.

A autora realiza unha viaxe pola fronteira do norte de Portugal e Galicia, que nos transporta ao noso pasado máis recente. O contrabando local e a emigración clandestina eran prácticas habituais nestas terras aproveitando a proximidade dos dous países. A raia, como popularmente se coñece a este linde, garda unha historia de loita diaria pola supervivencia e as mulleres son a súa principal testemuña.

A través das voces das súas protagonistas, a autora recupera a historia dunha época, a das dictaduras de Franco e Salazar. Elas eran as que habitualmente quedaban soas coidando das terras e da educación dos seus fillos, e o contrabando supuxo para elas un recurso para fuxir da miseria. Un medio de vida duro e arriscado, que tamén serviu para forxar lazos entre as persoas desta beira e da outra.

Entre outros premios, recibiu un Mestre Mateo ao mellor documental en 2009 e o Premio Cinema Minhoto do Filminho.

Con este ciclo queremos abrir canles de visibilización alternativas para as producións con pouca acollida nos circuitos de distribución habituais e trazar sinerxías cos demais axentes culturais activos e dinámicos da nosa zona.

Todas as proxeccións son na propia Sala Ingrávida (rúa Pérez Leirós 3, O Porriño). O prezo das entradas é de 3,50€ e poden facerse reservas a través do número 986 331 622. Difundide e vide ao cine!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *