Pandereteiras e Acordecans

MARÍA CASARES E AS FEIRANTAS DE CANS, PROTAGONISTAS DO MÉRCORES DE VECIÑOS DO FESTIVAL DE CANS

O XIX Festival de Cans vai poñendo a punto os motores dos chimpíns este mércores, coa veciñanza de Cans como protagonista. A xente da aldea, colaboradora e partícipe, é o eixe central deste día, no que se agradece a súa inestimable contribución ao festival.

Na segunda xornada da súa semana grande, o festival inclúe un bo número de actividades e moitas emocións. A homenaxe a María Casares, coa inauguración da rúa efémera na que participarán as actrices Lidia Veiga, Mariana Carballal, Melania Cruz, Sabela Hermida e Isabel Blanco, e a estrea na Noite d@s Veciñ@s do documental colectivo As feirantas de Cans son algúns dos pratos fortes da programación deste mércores.

RÚA EFÉMERA MARÍA CASARES, COLOQUIO AISGE E AS FEIRANTAS DE CANS DO OBRADOIRO CANS 303

As actividades do 18 de maio principian ás dez da mañá coa inauguración da rúa efémera María Casares, na que as actrices Lidia Veiga, Mariana Carballal, Sabela Hermida e Isabel Blanco descubrirán unha placa co nome desta referente das artes escénicas. Ás 11.30 h no Baixo de Carlos participarán en “De María Casares a nós”, título do primeiro dosclásicos coloquios AISGE, no que se falará da influencia desta grande do teatro europeo nas actrices contemporáneas.

O apartado Cans Participa inclúe a presentación do Proxecto Cans 303, o obradoiro de gravación e montaxe coordinado polo cineasta e videoartista Juanma LoDo, que busca en cada edición rescatar unha parte da memoria colectiva da aldea. Centrado nesta XIX nas mulleres que traballaban na venda ambulante, o documental As feirantas de Cans estrearase no Torreiro ás 21.30 dentro da Noite d@s Veciñ@s, xunto co videoclip “O estraperlo“, dirixido por Fefi Senlle, e as actuacións de Acordecáns e das Pandereiteiras de Cans.

PRIMEIROS PASES DOS CANS DO FUTURO NO REGRESO DOS COLEXIOS AO FESTIVAL

Ata o próximo venres pasarán por Cans arredor de 400 escolares, dentro das actividades dos Cans do Futuro. Comezarán este mércores ás 10.30 h no Baixo de Bugarín coa proxección das tres curtametraxes finalistas do concurso Senda Litoral, e a entrega do premio á obra gañadora desta iniciativa posta en marcha canda a Fundación Galicia Sustentable, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e EDP Enerxías Renovables.

Dentro do marco do proxecto “Recoméndoche un libro”, para estimular a lectura e a creación audiovisual en galego entre a mocidade, o Festival de Cans impulsa o concurso “Ollo de vidro”. Os traballos finalistas proxectaranse ás 16.30 h no baixo de Carlos. Contará coa presenza dos concursantes, do xurado avaliador e de representantes das institucións colaboradoras.

NOVAS CAMADAS, MASTERCLASS DE SUBTÍTULOS E OUTRAS HOMENAXES E ACTIVIDADES PARALELAS

O baixo de Carlos será tamén o espazo dunha masterclassás 13.00 h sobre subtitulado e accesibilidade. Estarán o director Alfonso Zarauza acompañado do realizador e profesor Pablo Romero-Fresco, quen está a desenvolver unha metodoloxía sobre os procesos de subtitulación na industria audiovisual galega.

Tamén alí, a partir das 18.30 h, será a quenda da categoría a concurso Novas Camadas, que o festival inclúe desde fai dous anos co ánimo de promover a autoras e autores que realicen a súa primeira obra, e que teñan menos de 25 anos. Nesta XIX edición, son 8 as curtas finalistas, que poderán visionarse por primeira vez no marco dun festival. Antes,no Torreiro de Cans os e as realizadoras destas obras participarán no primeiro dos encontros Dálle caña!.

Música de cine da Banda Municipal do Porriño ás 19 h no Parque do Cristo, a descuberta do traxe do Can de Pedra na rotonda de entrada á aldea ás 20.30 h e a colocación da placa de Marisol Troncoso e Alfonso González ás 21 h no muro dos chimpíns, completan esta emotiva xornada previa á apertura oficial do XIX Festival de Cans.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *