Mañá terá lugar a venda física de entradas no Torreiro de Cans

O Festival de Cans venderá mañá, venres 19 de maio ás 19h00 no Torreiro de Cans, a últimas entradas para acudir á proxección das curtametraxes a concurso desta edición. O prezo será de 12€ por entrada, tanto na sesión de mañá como na de tarde. O lugar de recollida será o posto de merchandising do festival durante o venres e o sábado do evento. Os compradores  e compradoras poderán recoller tamén de forma gratuíta nese momento o catálogo con información ampliada de todas as actividades.
 
Ademais, tamén estarán dispoñibles para todas as persoas que o desexen, entradas simples para actividades individuais como a proxección de Mar de fondo (3€), documental que o director Daniel Guzmán fixo sobre a catástrofe do Prestige; a proxección do filme xuvenil Linko (3€), primeiro filme en combinar imaxe real e 3D en España; o espectáculo de Polo Correo do Vento (3€), que combina debuxo e cinema; o espectáculo infantil musical de O Trío do Acivro (3€); a proxección de Frágil equilibrio con concerto de Uxía (5€) e a escolma de pezas audiovisuais de Radio Océano con actuación da banda (5€).
 
No caso de estar aínda dispoñibles durante o Festival, as entradas das curtas a concurso poderán mercarse só no posto de merchandising nos días de celebración do certame. As das actuacións e filmes individuais, no posto de merchandasing ata 1 hora e media antes, e no lugar da actuación dende media hora antes do inicio do espectáculo.

Refórzase a programación de MiniCans, a parte do Festival adicada ás novas xeracións

Os máis pequenos terán tamén nesta edición un espazo privilexiado no Festival de Cans, que ampliará a súa oferta para o público de menor idade ao longo de todo o sábado 27 de maio. O parque do río estará en funcionamento durante todo o día con xogos tradicionais e xantares con menús infantís a prezos económicos. Esa mesma mañá os asistentes tamén poderán gozar do filme Linko, dirixido a maiores de 12 anos, coa presenza dos seus autores, Xosé Zapata e Rafael Calvo. Os que teñan un espírito audiovisual máis creativo tamén poderán contar coa Caixiña de Mistos de Gadis e Mr. Misto e o seu obradoiro de curtas, que se proxectarán no parque do río ao remate da xornada. Ademais, incorporamos nesta edición a Polo Correo do Vento, que traerá ata Cans unha divertidísima actividade para traballar o proceso de construción dun filme a partir do debuxo.

Tamén haberá lugar para a música con “Cantarolas para xente miúda”, letras de Neira Vilas musicadas polo finado Suso Vaamonde e interpretadas por varios membros de A Roda. Ademais, volverá a Cans “O trío do Acivro” coa súa actuación de música clásica, didáctica e informal sobre coñecidas bandas sonoras que o ano pasado arrasou no Festival de Cans.