O rock de vangarda de Maika Makovski, ese abano de cancións escritas e convertidas en himnos por Ses nos últimos anos, e o pop sen complexos da banda galega Oh Ayatollah!, inzarán de música os días centrais’ do XVIII Festival de Cans, que se celebra do 1 ao 4 de setembro.
Dous dos proxectos musicais galegos máis diferenzais e exitosos dos últimos ano, e a presentación en directo, por primeira vez en Galicia, do novo traballo de Maika Makovski, o álbum ‘MK MK’, porán a música a dialogar co cinema no ano no oque o Festival de Cans cumpre a súa maioría de idade.
O concerto de Maika Makovski terá lugar na noite do venres 3 de setembro e o prezo das súas entradas será de 5 euros. Ses pechará o Festival o sábado 4 de setembro e terá un prezo de 7 euros. Para o concerto de Oh Ayatollah!, previsto para a tarde dese mesmo sábado, a entrada será de balde, pero resulta obrigatoria a inscripción previa. A merca de entradas, e a inscrición para as actividades de balde baixo rexistro xa poden facerse na súa tenda en liña do Festival de Cans: https://tenda.festivaldecans.com/.
Os concertos celebraranse no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río, inaugurado polo Festival o pasado ano e que tivo unha excelente acollida por parte do público. O seu aforo será limitado e garantirase a distancia social e a seguridade, tal e como xa aconteceu no último ano. A carpa da Leira do Río, con capacidade para máis de 300 persoas aínda mantendo a distancia social esixida nestes tempos, está aberta por todos os seus lados e garante as condicións para a celebración de concertos.
Maika Makovski
A mallorquina Maika Makovski leva preto de 20 anos construíndo un discurso musical propio nunha carreira coma cantante que combina coa creación de bandas sonoras -‘Quien a hierro mata’-, ou a musicalización de espectáculos teatrais: colabora habitualmente con Calixto Bieito, un dos principais directores de escena de Europa.
Tamén artista visual e presentadora do programa de La 2 ‘La hora musa’, no pasado algúns dos seus discos foron producidos por John Parish, fiel aliado da banda de PJ Harvey, unha das artistas mais influíntes da historia do rock nas últimas dúas décadas. O seu último álbum produciuno Craig Shumacher, quen tamén está detrás da banda Calexico. Foi gravado en Tucson, Arizona, e conta con colaboracións como as de Howe Gelb, de Giant Sand.
Makovski, que comparecerá ante o público do Festival de Can o venres 3 de setembro ás 23.30 horas, é unha artista cunha estreita relación co cinema e co mundo da escena. E cun interesante proxecto musical co que viaxa por escenarios de todo o mundo e que acada un novo fito co lanzamento de ‘MK MK’, o álbum que presenta por primeira vez en Galicia no Festival de Cans.
Nova música galega
Ses é un dos principais referentes da nova música galega. Tanto polo seu éxito ao interior do país coma polo que acada no resto do Estado ou no estranxeiro. Chega a Cans na última noite do Festival, a do 4 de setembro (23.30 horas). A cantante ten unha simbiose especial co Festival, ao que chegou a primeira vez para tocar enriba do remolque dun camión no Cans Voulevar .
Agora regresa para pechar o festival cun concerto no que volverá sobre os seus principais temas e tamén cantará, e contará, as cancións do seu máis recente traballo, ‘Liberar as arterias’, o álbum que lanzou ao mercado pouco antes de que comezase o confinamento de 2020. Logo de pasar por Cans, iniciará unha xira por algunhas das principais prazas do Estado. As 200 entradas para o concerto que xa están á venda teñen un custe de 7 euros.
Oh Ayatollah! chega ao Espazo Estrella Galicia da Leira do Río na tarde do sábado 4 de setembro ás 19.30 horas, no descanso das proxeccións da sección oficial do Festival. O grupo, no que participa -voz e sintetizador- o poliédrico Nuno Pico, tamén coñecido polo seu traballo con Mundo Prestigio e con Grande Amore, ten unha proposta radicalmente pop. Explícana así: “As cancións de Oh! Ayatollah queren ser vividas, bailadas, choradas e cantadas a pleno pulmón. Porque pase o que pase, o mellor é que nos pille cantando xuntos”.
Antes de cada unha das actuacións proxectarase no escenario unha escolma dos mellores videoclips de cada unha das bandas, nun intento do certame de poñer en valor a obra audiovisual vencellada á música.