Kevin Weatherill, dos Immaculate Fools, estreará o Invernadoiro, un novo espazo singular de Cans

O Festival de Cans inaugura este ano o Invernadoiro, un novo espazo singular para o audiovisual e a música, e faino coa visita de Kevin Weatherill, un artista de relevancia internacional no pop das últimas décadas. Á fronte da súa banda Immaculate Fools, Weatherill alcanzou o recoñecemento nos anos 80 con emocionantes cancións como “Hearts of Fortune”, “Tragic Comedy” ou a mesma “Immaculate Fools” que deu nome ao grupo, sempre cun pé no pop de autor e outro nas tradicións folk e blues. A súa actuación conformará no Invernadoiro de Mucha do Peso un programa dobre coa presentación e proxección dun avance de Kevin vs. Ray, o documental dos galegos Eduardo Herrero e Manuel Lemos sobre a singular peripecia vital de Weatherill, afincado hoxe nunha pequena aldea de Cambados.

A de Kevin Weatherill non será a única actividade que una música e audiovisual no Invernadoiro, que concentrará a súa programación o sábado 26 de maio. Alí terá tamén lugar unha retrospectiva adicada aos videoclips do realizador, deseñador e músico Rubén Domínguez, unha figura indispensable no underground galego da última década, que actuará ademais con Pantis, o seu aclamado proxecto de pop electrónico. Domínguez, membro tamén de Chicharrón ou Telephones Rouges, gañou o premio a mellor videoclip en Cans en 2012 e dirixiu máis de vinte pezas para bandas como Novedades Carminha, Franc3s ou A Veces Ciclón nas que deu forma a un persoal universo, caracterizado polo risco no uso da posprodución e a animación ou a exploración das posibilidades rítmicas da imaxe. A súa interesante obra audiovisual nunca fora posta baixo o foco dunha retrospectiva.

Cada unha destas actividades terá á venda dende as 10h00 de mañá, xoves 3 de maio, cen entradas a través de tenda.festivaldecans.com, a un prezo de 5 euros no caso de Kevin Weatherill e a 3 euros no de Pantis. A estrea da longametraxe Sevilla y Gomorra de Ángel Filgueira tamén terá lugar no Invernadoiro de Mucha do Peso e a entrada costará 3 euros. Súmanse así aos últimos packs de lanzamento dispoñibles para a Sección Oficial de Ficción e Animación, que rematan o seu prazo de venda este venres 4 de maio e aumentarán de prezo nas seguintes semanas.

Estas propostas que xuntan música e cinema conformarán a programación do Invernadoiro, un espazo perfecto para as actividades multidisciplinares. O público poderá escoitar os concertos co Monte Castelo de fondo, baixo os vellos ferros que nos anos 80 cubrían un cultivo de caraveis, e as proxeccións terán lugar no jalpón anexo no que o seu propietario Juan traballaba como carpinteiro. O Invernadoiro de Mucha do Peso releva así dentro do Festival ao histórico Jaliñeiro, aumentando o aforo dispoñible e mellorando o acceso para o público e as condicións de proxección.

* A foto de Kevin Weatherill é de Quim Cabeza.