Esta mañá, Fernando Trueba foi o protagonista dun memorable Coloquio na Leira en Cans, no que falou de humor, de cinema e de proxectos futuros, ademais de compartir cun atentísimo público anécdotas dos mitos da séptima arte cos que tivo a fortuna de compartir filmes ou comidas. O cineasta comezou falando da necesidade do humor en épocas dramáticas, para logo subliñar o carácter elusivo da comedia: “A comedia é un misterio. Nunca se sabe de onde sae. A primeira obra de humor, o Margites, coñécese por referencias porque se perdeu. O primeiro libro de chistes encargouno o pai de Alejandro Magno, que xa tiña necesidade de descojonarse el só na casa. Perdeuse. Iso gústame: o humor ten algo máxico, é un segredo.”
Algún dos momentos máis emocionantes da conversa moderada por Alfonso Pato, director do festival, tiveron lugar cando Trueba sacou a relucir o anecdotario das grandes figuras do cinema que tivo a sorte de coñecer, como Chus Lampreave (“un ser anxélico, que non era nin actriz, era poesía”) o Fernando Fernán Gómez (“a persoa coa que máis lembro rir a gargalladas”). Entre elas destacou dúas en particular: Rafael Azcona e Billy Wilder. Trueba recordou ao mítico guionista como “a persoa que máis influíu na miña vida”, e lembrou que Azcona se comprometera a traballar con el se en lugar de pretender facer unha comedia á americana facía unha máis “garbancera“: “Ti ves á xente? Son todos feos, baixiños, calvos, gordos… Non son como Cary Grant, son como López Vázquez!”.
Respondendo a unha pregunta do público sobre o futuro do cinema cos cambios tecnolóxicos e de modelo de mercado que está a vivir na actualidade, Trueba dixo coincidir co discurso de Billy Wilder ao recibir o premio honorífico do American Film Institute: “Cada vez haberá pantallas máis pequenas, en todas partes… pero o que sucede nesas pantallas, quen vai escribilo? Quen vai dirixilo? Eles teñen os cartos… nós temos o poder e a gloria. Un día van ter que chamarnos. Esa é a esperanza, porque se puidesen non nos chamarían”. Asimesmo, avanzou algún dos proxectos nos que estaba a traballar na actualidade e tivo tempo para, respondendo a un chío de Suso de Toro, falar de O cadaleito, filme de Enrique Baixeras producido en Galicia, que supuxo para Trueba a súa primeira experiencia de rodaxe. Ao remate do coloquio, o director colocou a súa estrela no Torreiro uníndose a Chelo Loureiro, que fixo o propio onte, e ao resto de figuras do audiovisual que deixaron xa a súa impronta en Cans.
A mañá acolleu tamén outros momentos emocionantes, como a emotiva sesión Contra o lume, na que se proxectaron numerosas pezas inspiradas polo desastre ambiental dos incendios e se contou coa presenza do alcalde de As Neves, Xosé Manuel Rodríguez, o roteiro CanSonoro con Xurxo Souto ou a actuación de Magín Blanco, onde escoitamos por primeira vez en directo “Cans & Cadelas”, a canción oficial do festival. A tarde e a noite deste día grande do Festival depararán máis eventos esperados, como o Coloquio na Leira de Gracia Querejeta, a actuación e proxección de Kevin Weatherill, o concerto das Tanxugueiras ou o peche coa entrega de premios e o posterior concerto de Burning.