➡DESCARGA AQUÍ O DOSSIER COA PROGRAMACIÓN COMPLETA DE #CANS18
A Casa do Cid, espazo emblemático do Festival de Cans, acolleu hoxe a presentación do 15º Festival de Cans, na que se desvelou o programa ao completo, coas destacadas incorporacións dos cineastas Fernando Trueba e Gracia Querejeta, que participarán dos Coloquios no Espazo Mahou da Leira de Alicia, e de Triángulo de Amor Bizarro na parte musical, entre moitos outros nomes e actividades que se suman ás xa anunciadas para esta edición na que o Festival cumpre 15 primaveras. O éxito dos encontros con directores en edicións anteriores motivou que este ano se conte por primeira vez con dous coloquios en lugar de un e que estean protagonizados por dúas persoas da talla de Trueba e Querejeta, historia viva do cinema español. Pola súa banda, Triángulo de Amor Bizarro únense ao completo e variado cartel musical de Cans coa súa actuación no Torreiro, na que presentarán o seu recén editado EP El Gatopardo.
O director do Festival, Alfonso Pato, destacou tamén que o foco fundamental do festival está, coma sempre, nas curtametraxes. “En catro días pasarán polo festival case cen realizadores e realizadoras, convertendo Cans nun escaparate da creación audiovisual galega, a que se produce aquí e a que está espallada polo mundo”. Así mesmo, subliñou o equlibrio presente, na sección oficial e na programación paralela, entre cineastas debutantes e persoas que chegan a Cans avaladas polos seus éxitos noutros festivais. Jacobo Sutil, director da Agadic, explicou que ademais deste apoio do Festival ao audiovisual galego, “o aspecto lúdico e o apoio da parroquia son marcas distintivas de Cans que motivan o apoio da Xunta de Galicia”. Pola súa banda, o Deputado de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra Xosé Leal interviu tamén celebrando “a filosofía de Cans” e a súa aposta pola lingua galega e por visibilizar todos os sectores do audiovisual.
Entre as novidades do programa, Pato fixo fincapé nas seccións A que andas?, na que se descubrirán os guións en proceso de Borja Cobeaga, Ángeles Huerta ou Ignacio Vilar entre outros e outras cineastas, e o habitual seguimento dos Fillos e fillas de Cans, nos que o público do festival poderá ver imaxes inéditas de filmes tan esperados como La sombra de la ley, de Dani de la Torre; Arima, de Jaione Camborda, ou Nación de muchachos, de Javi Camino. Tamén destacou a atención ás conexións literarias do cinema, coa primeira proxección nun festival galego de Versogramas, documental de Belén Montero e Juan Lesta sobre o fenómeno das videopoesías; e o concurso de booktrailers ‘Ollo de vidro’. Tamén estivo presente na presentación a actriz Isabel Naveira, que declarou estar “moi ilusionada” por recibir a chamada do Festival para formar parte do Xurado de Ficción e Animación, que compartirá con Anxos Fazáns, Felipe Lage, Nieve de Medina e Borja Cobeaga. O Xurado de Non ficción estará integrado por Ángeles Huerta, Luis Avilés e Isabelle Le Gonidec, e Paloma Zapata, Fernando F. Rego e Eduardo Herrero integrarán o de Videoclips. Haberá tamén, como é tradición, un Xurado dos Veciños e Veciñas integrado por cinco habitantes de Cans.
A presidenta da Asociación Arela, Keka Losada, debullou a parte máis comunitaria da programación deste 15º Festival de Cans “que vai de cero a cen”, atendendo a públicos de todas as idades e fomentando a súa implicación e creatividade, xa que a actividade Cans do Futuro traerá cada día a 200 escolares ao Festival, e tanto a rapazada como a xente maior participarán cos seus deseños en Debuxa Cans e Cans Senior. A alcaldesa de O Porriño, Eva García de la Torre, subliñou precisamente o carácter diverso dunha programación na que “hai para todos os gustos e para todos os intereses” e que o Concello está encantado de apoiar “por facer máis grande se cabe ao cine e aínda máis universal ao Porriño”. Dentro desa diversidade, o público infantil poderá desfrutar dunha programación para nenas e nenos máis ampla que nunca: MiniCans incluirá música, proxeccións, maxia e toda unha serie de obradoiros no entorno do Parque do Río. A Noite dos Veciños do mércores tamén se amplía e pasa a celebrarse no Torreiro de Cans, onde se acollerá a proxección do documental sobre a mestra “Dona Sara” realizado no proxecto Cans303.
Tamén interviron na presentación os responsables de varios dos patrocinadores privados do Festival. Hugo Pérez, de Mahou, expresou a súa satisfacción por ser por cuarto ano consecutivo o patrocinador principal e por poder compartir a “aposta polo ocio e a cultura innovadora en Galicia”. Ademais do xa anunciado Concerto Mahou Cinco Estrellas de Depedro e o showcooking de Lucía Freitas e Beni Couso, Mahou acollerá no seu Espazo na Leira de Alicia os coloquios de Fernando Trueba e Gracia Querejeta, os encontros Dálle caña cos realizadores e realizadoras das diferentes categorías e a Sesión Discochimpín de Edu Romero Dj. Pablo Louro, delegado en Vigo de Gadisa, expresou o seu orgullo por levar anos apoiando Cans, “un evento que redunda positivamente na comunidade”, e poder colaborar na programación coa Caixiña dos Mistos, a caravana de proxeccións que estará en MiniCans. A programación do Festival complétana unha mostra das viñetas de “O Bichero” de Luis Davila, a sección especial Contra o lume, con pezas que convidan á reflexión crítica sobre os incendios e o territorio, ou os roteiros conducidos por Xurxo Souto e Carlos Meixide, o primeiro centrado na música e o segundo de carácter cinéfilo-literario.