Depedro protagonizará o Concerto Mahou Cinco Estrellas na Leira de Alicia do Festival de Cans

Por cuarto ano consecutivo, Mahou volverá ser un dos principais patrocinadores do Festival de Cans e complementará a programación do evento con distintas actividades relacionadas co cinema e a música. O Espazo Mahou, instalado na Leira de Alicia, converterase de novo nun punto de encontro multidisciplinar entre os profesionais do sector e o público.

A Leira de Alicia é un dos espazos máis emblemáticos do Festival de Cans, onde non faltará a presenza icónica da súa propietaria, a señora Alicia, a avoa do festival. Ademais tamén haberá varias sorpresas ao longo da fin de semana na que se celebra o certame. Unha delas será o concerto Mahou Cinco Estrellas de Depedro, un dos pratos fortes da programación musical deste ano. A partir das 21h00 do venres 25 de maio, Jairo Zavala, “Depedro”, achegaralle ao público de Cans a súa música en formato acústico interpretando un repertorio que incluirá temas clave dos seus catro discos de estudo, pero especialmente do último, “El pasajero”, un traballo que crea a súa propia linguaxe sonora e literaria, con sons dunha beleza absolutamente emocionante e transformadora.

Antes do concerto -ás 18h30- proxectarase no Baixo de Bugarín o documental Casamance, la banda sonora de un viaje, da directora Paloma Zapata, coa que haberá un coloquio posterior no que a cineasta estará acompañada por Depedro, que comparte o protagonismo da longametraxe xunto co xornalista de Radio 3 Ángel Carmona. Nela nárrase como Jairo Zavala decide viaxar a Senegal tralos pasos de Lamine Konté, un músico que marcou a súa infancia a través da música que a súa nai escoitaba na cociña da casa.

As entradas para ver Casamance, la banda sonora de un viaje poranse á venda a partir de mañá, xoves 5 ás 10h00, na tenda online do Festival de Cans (http://tenda.festivaldecans.com/). A tirada será 125 entradas a un prezo de 5 euros cada unha -podendo mercar un máximo de 3 por persoa-, e todo aquel que se faga con elas terá automaticamente unha pulseira gratuíta para asistir tamén á actuación posterior. Os interesados e interesadas en asistir soamente ao concerto, poderán retirar a súa pulseira de xeito gratuíto o mesmo venres a partir das 18h00 no posto de merchandising do festival. Entregaranse as 375 pulseiras dispoñibles por orde presencial ata fin de existencias e sen admitirse reservas, como é habitual neste concerto da tarde-noite do venres no festival.

Ao igual que xa sucedera na edición anterior, os coloquios cos directores e directoras terán un especial protagonismo no Espazo Mahou durante toda a xornada do sábado 26 de maio. Ademais do “Coloquio na leira” deste ano, no que estará presente unha importante personalidade do mundo do cinema que o festival desvelará nas próximas semanas, por alí pasarán todos os curtametraxistas da sección oficial a concurso. Será na terceira edición de “Dalle caña”, unha sección na que poderán intercambiar ideas co público e debatir sobre a situación actual do noso audiovisual mentres comparten unhas cervexas. Tralas actividades da tarde, Mahou porá música ao Festival ata a medianoite coa pinchada de acceso libre a cargo de DJ Edu Romero no Discochimpín.

Showcooking de Lucía Freitas

A colaboración de Mahou co Festival chegará tamén dende o ámbito da gastronomía, coa presenza da Cociñeira Mahou Lucía Freitas, do restaurante compostelano A Tafona, unha das poucas mulleres cociñeiras que forman parte do prestixioso Grupo Nove e tamén unha das máis relevantes da gastronomía galega actual. A chef ofrecerá un showcooking o xoves 24 de maio na Praza do Concello do Porriño combinando a súa experiencia ante os fogóns coas propostas innovadoras dun novo talento da nosa gastronomía. Nesta exhibición culinaria, a cociñeira preparará unha selección de “Tapas de Cinema” que os asistentes terán a oportunidade de degustar, e nas que integrará a gastronomía co sétimo arte, elemento central do Festival de Cans.

Perfílase deste xeito o día da Noite Gía dos videoclips como unha proposta de ocio para todos os públicos, cunha tarde-noite cunha chea de variadas actividades que a organización fará públicas nas próximas semanas.