Eloy Domínguez Serén recollendo un premio

CINEMALDEA REGRESA EN NOVEMBRO PARA LEVAR AS CURTAS DO FESTIVAL DE CANS ÁS ALDEAS DO RURAL

O Festival de Cans e o Concello do Porriño promoven este ano unha nova edición de Cinemaldea, unha iniciativa que achegará ás zonas rurais do municipio unha selección das curtametraxes premiadas na última edición.

É o segundo ano consecutivo que se pon en marcha esta idea que busca achegar o cine e as novas e novos creadores ás parroquias rurais que habitualmente non teñen acceso ó cinema. O pasado ano celebrouse por vez primeira e, malia estar aínda baixo as restriccións da pandemia, máis de 200 persoas asistiron ás proxecións físicas nas diversas aldeas.

Dado o éxito da convocatoria do pasado ano, o Concello do Porriño convidou de novo a todas as asociacións que o desexasen, a formar parte da segunda edición de Cinemaldea. En total sete foron as asociacións culturais e veciñais do Concello do Porriño que se sumaron, e as proxecións arrancarán esta fin de semana e continuarán todas as fins de semana do mes de novembro.

Este sábado 5 de novembro, ás 20,00 horas, terá lugar a primeira das proxecións no Centro Cultural As Mimosas de Carracido e o domingo ás 18,00 horas no Centro Cultural San Xurxo de Mosende. As seguintes datas serán en Chenlo, o domingo 13 de novembro, na Asociación Casa-Chan de Budiño o venres 18 de novembro e en Cans, o domingo 20 de novembro. As duas últimas que pecharán o mes e o ciclo, serán na Asociación Os Penediños de Atios o sábado 26 de novembro e na Forna de Budiño o 27 de novembro. Todas as proxecións serán de acceso gratuito, ata completar o aforo de cada recinto.

Cartaz de Cinemaldea

Curtas preseleccionadas nos Premios Goya

Este ano dase ademáis a circunstancia que asdúas curtas que levaron dous dos premios principais na última edición do Festival de Cans, foron preseleccionadas a pasada semana entre as curtametraxes que optarán ós Premios Goya á mellor curta de ficción, previo paso a unha creba final na que quedarán catro. Tanto “Rompente” de Eloy Domínguez Serén, que levou o Premio do Xurado en Cans, como “La Entrega” de Pedro Díaz, que levou o Premio do público, estarán na carreira polos Goya e poderán verse nesta nova edición de Cinemaldea. Ademáis destas dúas curtametraxes, nestas sesións de cinema no rural tamén se poderán ver “Devoradora de nenos” de Fran X. Rodríguez, que levou o Premio Aisge á mellor interpretación masculina para o coñecido actor Santi Prego, e o documental “18 Cans, maioría de idade” da realizadora Isaura Docampo, que plasma o espíritu da anterior edición do Festival de Cans, coas veciñas e veciños, a organización e actores, actrices e directores que pasaron polo certame.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *