Este domingo día 10 de abril estreamos o ciclo de cinema “Sen un can”, unha iniciativa promovida xunto coa Sala Ingrávida e o Cineclube Ingrávido do Porriño. O obxectivo é exhibir filmes de directoras e directores galegos, de baixo presuposto e darlles a visibilidade da que carecen nos circuítos convencionais de exhibición. Son películas de autores que pasaron nalgún momento polo Festival de Cans ou presentaron avances dos seus filmes, pero que non se puideron proxectar posteriormente.
Con este ciclo buscamos promover un cine galego de calidade que ten escasa visibilidade e ao mesmo tempo trazar sinerxías con locais privados que promovan a cultura como a Sala Ingrávida e con asociacións que traballen pola visibilización do cinema como é o Cineclube Ingrávido.
Ao longo de seis semanas haberá unha proxección cada domingo ás 19h00, co privilexio de asistir a un encontro co director ou directora e co seguinte programa:
ABRIL
Día 10. A viaxe de Leslie, de Marcos Nine
Día 17. A viaxe dos Chévere, de Alfonso Zarauza
Día 24. Mulleres da raia, de Diana Gonçalves
MAIO
Día 1. Funes, o inventor da lúa, de Enrique Otero
Día 8. A cicatriz branca, de Margarita Ledo
Día 15. Querida Gina, de Susana Sotelo
Detalle da primeira proxección: A viaxe de Leslie
Durante a Segunda Guerra Mundial, un escuadrón de JU-88 alemáns derriba un avión comercial fronte á costa de Cedeira. Non hai supervivintes. Entre os pasaxeiros aparece un nome ilustre: Leslie Howard. Fálase de que era xudeu, de que era un propagandista antinazi, ou de que era un galán da industria de Hollywood. Pero, a miúdo, a historia escríbese con fragmentos do que xa foi esquecido.
A viaxe de Leslie é un documental de Marcos Nine que propón unha investigación sobre os detalles daquel suceso. Leslie Howard atopouse coa morte cando voltaba ao seu Londres natal tras pronunciar unha serie de conferencias en Lisboa e Madrid. Unhas horas antes de coller o avión, cenou en Lisboa co seu asistente, Alfred T. Chenhalls, e coa súa prima, Helen Girvin Balfour Gerassi. Helen quedou coa impresión de que, ao marxe dos seus traballos de conferenciante e actor, Leslie agochaba algo.