- As proxeccións en autocine chegan ao Porriño este sábado, 12 de setembro, ás 21 horas no autocine da explanada do Velódromo Municipal.
- Dende o xoves 17 de setembro, as películas da sección oficial do Festival poderán verse na web do certame baixo demanda e pago por visión.
O visionado dos filmes en autocine forma parte do proxecto Cans Expandido, deseñado polo Festival para promover o traballo das realizadoras e realizadores cuxas obras formaron parte da competición oficial do Festival. O propio certame tivo que reducir o seu aforo polas medidas de control da Covid19. Cans Expandido, que inclúe a exhibición das cintas a concurso en 9 salas de toda Galicia ademais da sesión de autocine, abordará a súa última fase do 17 ao 20 de setembro, cando os filmes a concurso poderán verse a través da páxina web do Festival, agrupadas en bloques e baixo demanda.
Na proxección en autocine na viña porriñesa, o público poderá acceder cos seus coches de balde, pero a actual normativa obriga a que haxa un control de rexistro. As persoas que desexen asistir poden inscribirse enviando un correo electrónico ó enderezo: cultura@oporrino.org.
Un gran cartel
A sesión de autocine do Velódromo porriñés comezará coa proxección dun documental que se presentou na última edición de Cans fóra de concurso: Cans16, un traballo no que Isaura Docampo nos traslada á edición de 2019 do Festival de Cans.
Despois chegarán os pases de Onde durmen as gaivotas, a curta coa que Dani Cornes obtivo o Premio Deleite do xurado á mellor curtametraxe da sección “Novas Camadas”; Todo el mundo se parece de lejos, de Rafa de los Arcos, que lle valeu á actriz Bruna Cusí o premio a Mellor Interpretación Feminina; e a cinta El Gran Corelli, de Abel Carbajal, que se fixo co galardón de Mellor Curtametraxe de Animación na competición oficial de Cans 2020.
Pecharán a sesión os dous filmes máis premiados este ano no Festival: por unha parte, 16 de decembro, de Álvaro Gago, que obtivo o Premio do Xurado CREA á Mellor Dirección e que lle valeu o Premio RC Service á Mellor Dirección de Fotografía a Lucía C. Pan.
A última película en proxectarse será a gran trunfadora da competición oficial deste ano: Xoves de comadres, da realizadora viguesa Noemí Chantada. Fíxose cos premios á Mellor Curtametraxe do Xurado, do Público, e do Xurado dos Veciños e Veciñas, e co Premio Agag do Xurado ao Mellor Guión.
Despois desta proxeción, o xoves 17 comezará a distribución en liña: as curtas poderán verse, previo pago, na web do festival de Cans – www.festivaldecans.gal– baixo soporte técnico de Vimeo. As películas estarán dispoñibles para o visionado na internet ata o 20 de setembro nunha iniciativa, o proxecto Cans Expandido, que resulta pioneira entre os festivais de cinema.