O Festival de Cans, que se celebrará entre o 20 e o 24 de maio, contará nesta edición con máis de vinte actuacións musicais, programando as principais para o venres 23 e sábado 24 de maio no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río, o gran epicentro musical e, o Torreiro, lugar emblemático da aldea. O certame mantén o seu carácter popular coa entrada libre aos concertos nestes espazos.
No Espazo Estrella Galicia da Leira do Río actuarán o venres 23 de maio Biznaga, un dos grupos do momento, e o sábado 24 de maio, A Banda da Loba a media tarde e, Santero y los Muchachos e Serial Killerz, como remate.
Coas súas cancións sobre o dereito á vivenda ou o quecemento global, interpretadas con rabia punk contemporánea, Biznaga son una das sensacións do momento e o referente dunha nova xeración. Temas como “Madrid nos pertenece” ou “Contra mi generación”, convertéronse en himnos coreados por miles de persoas nos festivais. O seu quinto disco “¡Ahora!”, ven de consagrar a este grupo, que é finalista en cinco categorías dos prestixiosos premios MIN da música. Fai poucos meses tiveron una aparición moi exitosa no programa “La Revuelta”.
O Espazo Estrella Galicia da Leira do Río tamén acollerá o sábado 24 o rock pausado dos valencianos Santero y los Muchachos, que presentarán o seu último álbum, “Una noche en Les Arts”, un repaso a toda a súa traxectoria, gravado con colaboracións de artistas cercanos como Coque Malla. Despois desta actuación, a traca final do festival será a adrenalina musical de Serial Killerz, un atípico dúo musical, que reinterpretan temas de AC/DC ou os Ramones pasando por Nina Simone a través dunha enerxía contaxiosa. O grupo regresa a Cans por aclamación popular do público, despois da última gran actuación dous anos atrás.
No mesmo espazo tamén actuarán á tardiña a Banda da Loba, a banda de mulleres empoderadas que ven presentar “Lova”, o seu último disco no que exploran a diversidade sexual e as súas múltiples formas e expresións, con referencias que van desde Rosalía de Castro a Luisa Villalta.
A música volve ao espazo emblemático do Torreiro
O Torreiro, lugar incónico na aldea, onde se colocan as estrelas dos visitantes ilustres, volverá ser un espazo para actuacións musicais cercanas. O venres 23 de maio, ás 20,00 horas, serán Caamaño & Ameixeiras as que ofrezan o concerto de benvida a Cans. O dúo é un dos grandes expoñentes da brillante fornada de artistas que están a renovar a música tradicional galega. Teñen levado o seu directo por toda Europa e con cancións como “Catro Cousas”, gravada con Rodrigo Cuevas, están a ter unha enorme repercusión en todo o Estado. O videoclip desta canción proxectarase no foco sobre os seus vídeos musicais, que previamente ao concerto terá lugar no Jalpón de Mucha e Juan do Peso.
Polo Torreiro, tamén pasarán, o sábado 24, na sesión vermú, o personal folk dos novísimos Abril e, ao anoitecer, o emblemático grupo de blues de Úbeda, Guadalupe Plata, que conforman a banda underground máis internacional, e, que actuaron en diversos recunchos do planeta chegando a converterse no capricho confeso do mesmísimo Iggy Pop, que os louvou con entusiasmo no seu programa de radio na BBC.
O retorno da gaiteira Susana Seivane e a poeta Lúa Mosquetera no Invernadoiro Rei Zentolo, único espazo que require entrada
No espazo Invernadoiro Rei Zentolo de Juan e Mucha do Peso, que combina música e proxeccións audiovisuais, e que só ten un aforo de 100 persoas por actuación, terá lugar o sábado a performance poética de Lúa Mosquetera xunto cunha retrospectiva dos seus videopoemas. A escritora, natural de Miño, é un referente do Spoken Word e é gañadora do Poetry Slam gallego. Conta con cinco libros publicados e a súa poesía íntima, feminista e rabiosa, convertérona nun dos grandes fenómenos poéticos actuais en Galicia.
Outra das momentos máis emocionantes que se agardan no festival é a actuación da gaiteira Susana Seivane, na que será o seu regreso aos escenarios en Galicia, despois dun ano afastada dos escenarios. O Festival de Cans quere sumarse á homenaxe polos seus 25 anos no mundo da música, coa estrea do documental “Son Seivane”, dirixido por Xosé Antón Bocixa. A artista presentará tamén temas de ‘Sete’, o seu séptimo álbum, no que se achega a enfoques contemporáneos, máis sonoros e vibrantes, pero sen perder a esencia da autenticidade da súa interpretación.
O aforo para as actuacións do Invernadoiro é de 100 persoas e as entradas estarán a venda por 7 euros, aínda que o Festival ofrece 30 bonos por 10 euros para asistir a ambos espectáculos.
Máis de vinte actuacións musicais de diferentes formatos e estilos
A nova escena musical galega terá destacado protagonismo nesta edición. Outra das actuacións musicais estará a cargo de Carabela. Pop, electrónica e música tradicional, cunha orientación cara innovacións vangardistas que poderá gozar o público o xoves na Praza do Concello de Porriño. DJ Rapante pechará a noite do venres. A viguesa Paula Somoza amenizará con cancións que van dende os ritmos caribeños pasando por xéneros clásicos como funk, hip hop ou disco.
Nos próximos días, o Festival de Cans anunciará máis actuacións musicais e actividades sorpresa que prepara para a súa XXII edición.