A Asociación Cultural Arela abre o prazo de admisión de curtametraxes, videoclips e outras obras audiovisuais para participar na XXII edición do Festival de Cans, que terá lugar entre o 20 e o 24 de maio de 2025.
As bases do consurso son as seguintes:
1. As curtametraxes e videoclips que se presenten a concurso deben ser obras galegas producidas nos anos 2024 e 2025.
A efectos de participación neste festival:
- Por curtametraxes galegas enténdense pezas producidas por produtoras de Galicia ou de fóra de Galicia pero cuxo director ou directora sexa galego ou acredite a súa residencia en Galicia nos últimos dous anos, por sí mesmo e por outros profesionais que o / a avalen.
- Os videoclips que se presenten deben ser de grupos galegos, ou alomenos constatar que unha parte dos seus membros son galegos, e estar dirixidos por directores ou directoras galegos.
- Tanto no caso as curtametraxes como dos videoclips con dirección compartida, de dous ou máis directores, darase por válida a inscripción se alomenos un dos directores ou directoras é galego.
2. Aínda que non sexa condición indispensable, valorarase que as obras a concurso sexan estreas absolutas e que non foran aínda amosadas publicamente e así se fará constar na ficha de inscrición.
Tamén se valorará nas obras que o equipo técnico e o reparto estea formado por técnicos e actrices e actores galegos.
3. Establécense as seguintes categorías a concurso:
- Ficción,
- Animación (nota 1),
- Non ficción (sección Furacáns),
- Novas Camadas (nota 1) (nota 2) e,
- Videoclips.
(nota 1) As categorías de Animación e Novas Camadas só entrarán en competición oficial a concurso no caso de que a organización seleccione un mínimo de tres curtas para cada unha das susoditas categorías. De non ser así, a organización resérvase a opción de traspasar a cantidade destinada a estes premios a outras categorías que se poidan abrir dentro do festival.
(nota 2) Poderán participar nesta categoría as obras feitas por realizadores e realizadoras galegos e galegas que teñan 25 anos ou menos en 2025 (nacidos ou nacidas desde o 1-1-2000 en diante) e que dirixan a súa primeira ou segunda curtametraxe. Terán preferencia aqueles realizadores e realizadoras que pertezcan a escolas de cine, facultades de audiovisual ou similar.
3.1. O certame admitirá todo tipo de curtametraxes ou longametraxes que puidesen ser exhibidas en seccións paralelas, como filmes de ficción ou non ficción, videocreacións, capítulos de webseries ou outras pezas audiovisuais.
De feito, non se descarta abrir novas categorías a concurso en función do material recibido (en todos os casos se valorará que as pezas non foran estreadas previamente).
4. A duración de cada curtametraxe de ficción non superará os 40 minutos con créditos da obra incluidos.
5. A duración de cada curtametraxe de non ficción da sección Furacáns non superará os 40 minutos con créditos da obra incluidos.
6. A data límite para enviar as pezas será o domingo 2 de mazo de 2025 ás 23.59 horas.
A inscrición é gratuita e deberá facerse a través da páxina web do Festival de Cans completando un formulario no seguinte link: https://www.festivaldecans.gal/inscricion-online-festival-de-cans-2025/
* Na casilla do formulario correspondente o Enlace da obra engadirase un enlace para visionar a obra na plataforma na que estea aloxada, este enlace ten que estar dispoñible ata que finalice a presente edición do festival.
Unha vez feita a inscrición, a persoa ou compañía que inscribiu a obra recibirá un correo-e de confirmación (revisar a carpeta de spam).
6.1. Para calquera dúbida, contactar co correo concurso@festivaldecans.com
7. Na ficha de inscrición da obra debe especificarse claramente quen é o ou a representante legal da obra.
En caso de ser premiada cunha dotación económica, o ou a representante legal, dos premios á mellor curtametraxe de cada categoría, será quen ingresará a cantidade correspondente. Calquera pagamento feito ao representante legal designado na ficha de inscrición liberará á Asociación de responsabilidade se o pago correspondera facelo a outra persoa.
Así mesmo, o autor/a ou representente legal da curta comprométese a presentar obras onde as imaxes e as músicas sexan orixinais ou no seu caso teñan o permiso necesario para utilizalas, que deberán adxuntar se así o require a organización.
O representante legal asignado é o responsable do cumprimento destas bases e das normas que sexan de aplicación a súa actividade.
8. Todas as curtametraxes e o material audiovisual que se envíe para concursar ou participar deberá ter o seguinte formato de proxección:
- AVI, MOV, MP4 ou MPEG (codec H264),
- Bitrate max. 15000 kbps,
- Audio AAC,
- Resolución: 1280*720 ou superior e,
- Subtítulos incrustados [non necesarios para as obras con diálogos en galego ou castelán].
9. As obras seleccionadas para a competición oficial recibirán unha notificación privada do Festival de Cans nas semanas anteriores á celebración do certame, coñecerano antes de que se faga público.
As e os representantes legais das obras comprométense a non facelo público, ata que o faga o propio festival. O incumprimento deste punto será motivo de exclusión da competición. Se isto acontecese, a obra descalificada sería relevada no concurso pola primeira curtametraxe que figure na preselección interna como primeira reserva.
10. As obras seleccionadas serán exhibidas dentro da programación do XXII Festival de Cans que terá lugar do 20 ó 24 de maio de 2025.
11. A organización resérvase o dereito de empregar ata o 10% do minutado de cada peza seleccionada para uso promocional do festival e das propias obras.
12. Se no intervalo entre o proceso de selección de obras e as datas de celebración do festival, algún produtor ou produtora, ou algún director ou directora tivesen unha condena expresa por calquera delito tipificado como violencia de xénero, automáticamente serían excluidos pola organización da sección na que estaban seleccionados.
A Asociación resérvase o dereito de aplicar esta mesma base a condenados ou condenadas por sentencia firme por calquera outro delito que poida danar a imaxe pública do festival.
13. As obras gañadoras poderán ser exhibidas integramente despois da celebración do evento nun circuito de actos promocionais do Festival de Cans a celebrar en varias localidades de fóra de Galicia e noutros países, previa comunicación á persoa responsable legal da obra.
Estas exhibicións sempre serán con propósitos culturais, nunca con finalidade de exhibición comercial nin con ánimo de lucro.
A aceptación destas bases conleva a cesión, en favor da Asociación, dun dereito non exclusivo de distribución, reproducción e comunicación pública, durante un prazo máximo de (1) ano e para os fins expostos, sen que caiba ningún outro uso nin se ceda ningún outro dereito.
14. As produtoras e directoras e directores das obras premiadas, ou calquera persoa que se identifique como responsable da mesma, comprométese a incluir unha referencia a este premio en cada unha das copias que se distribúan para a exhibición noutros certames cinematográficos, en salas, plataformas baixo demanda ou calquera outro tipo de exhibición.
Esta referencia debe ir antes da proxeción do filme e consistirá nun texto co premio outorgado, acompañado da imaxe gráfica (logo e nome) do Festival de Cans. Esta referencia será facilitada a posteriori, coas normas de uso, pola organización do festival. Así mesmo, esta información tamén deberá ir en todo o material impreso a xeito informativo e promocional e na páxina web da obra, se a tivese.
14.1. A persoa que reciba o Premio RS Service do xurado á Mellor Dirección de Fotografía, dotado con 300€ e Can de Pedra + 1.000€ canxeables en material de rodaxe, deberá incluir nos créditos do seu próximo traballo os logos do Festival de Cans e de RC Service como entidades colaboradoras.
15. Establécense os seguintes xurados:
- Xurado de curtametraxes de Ficción e Animación,
- Xurado de curtametraxes de Non Ficción (sección Furacáns),
- Xurado de curtametraxes de Novas Camadas,
- Xurado de Videoclips e,
- Xurado especial dos veciños de Cans.
Os xurados de curtametraxes e de videoclips estarán formados por profesionais dos ámbitos do cine, do audiovisual, da música, da comunicación e da cultura.
Todos os xurados serán anunciados antes do inicio do festival e a súa decisión será inapelable.
16. Para os premios do público, as votacións efectuaranse a través dunha aplicación telemática. A tal efecto, para poder efectuar o voto, será necesario dispor dun dispositivo con lector de códigos QR e acceso a internet.
Será gañadora a obra coa mellor media aritmética, resultante de dividir a puntuación total obtida entre o número de votantes.
O límite para efectuar as votacións será de 30 minutos desde que finalice a última sesión de visionado de curtas ou o visionado de clips. Pasado ese período de tempo pecharase o sistema de voto telemático.
17. Os premios poderán quedar desertos se algún dos xurados así o decide e no caso de que se outorgase un premio ex- aequo, a dotación repartiríase ó 50%.
Os xurados poderán establecer as mencións especiais que consideren oportunas.
18. Establécense os seguintes premios, coa dotación económica e os galardóns que se indican (nota 1) (nota 2):
- Premio do xurado á Mellor curtametraxe de Ficción: 2.000€ e Can de Pedra.
- Premio do xurado á Mellor curtametraxe de Animación: 1.800€ e Can de Pedra (nota 3).
- Premio do público á Mellor curtametraxe de Ficción e Animación: 1.500€ e Can de Pedra.
- Premio do xurado á Mellor curtametraxe de Non Ficción (sección Furacáns): 1.500€ e Can de Pedra.
- Premio do xurado á Mellor curtametraxe da sección Novas Camadas: 1.000€ e Can de Pedra.
- Premio do xurado dos veciños á Mellor curtametraxe: 500€ e Can de Pedra.
- Premio do xurado ó Mellor Guión: 300€ e Can de Pedra.
- Premio do xurado á Mellor Realización: 300€ e Can de Pedra.
- Premio do xurado ó Mellor Actor: 300€ e Can de Pedra.
- Premio do xurado á Mellor Actriz: 300€ e Can de Pedra.
- Premio RC Service do xurado á Mellor Dirección de Fotografía: 300€ e Can de Pedra + 1.000€ canxeables en material de rodaxe.
- Premio do xurado á Mellor Banda Sonora Orixinal: 300€ e Can de Pedra.
- Premio do xurado ó Mellor Videoclip: 500€ e Can de Pedra.
- Premio do público ó Mellor Videoclip: 300€ e Can de Pedra.
- Premio en Dereitos de Exhibición para a curta de ficción galardonada co Premio do Xurado: 300€ (nota 4).
- Premio en Dereitos de Exhibición para a curta de animación galardonada co Premio do Xurado: 300€ (nota 4).
- Premio en Dereitos de Exhibición para a curta galardonada co Premio do Público: 300€ (nota 4).
(nota 1) Todos os premios están reflexados en cantidades brutas. Sobre eles aplicaranse no seu momento as correspondentes retencións esixidas según a lei vixente.
(nota 2) A organización non se fará cargo en ningún caso das comisións de realizar transferencias de crédito a contas correntes non europeas polos premios outorgados, polo que en virtude desta circunstancia só se farán transferencias a contas correntes europeas.
(nota 3) O premio do xurado á mellor curta de animación só se concederá no caso de que haxa un mínimo de tres curtas de animación seleccionadas para participar na competición oficial. De non ser así, a organización resérvase o uso desta dotación ou de parte dela para distribuila entre novas categorías que poidan xurdir no festival.
(nota 4) Estas proxecións realizaranse no marco do ciclo Cinemaldea, a desenvolver no mes de Novembro de 2024, e serán un máximo de sete sesións en diferentes aldeas rurais. Cada proxeción acordarase previamente con directores, productores, distribuidores e/ou representantes legais de cada unha das obras.
A participación nesta convocatoria implica a aceptación destas bases.