CORRESPONDENCIAS
Sábado 21 | 13.30 h. | Baixo de Carlos
Capacidade: 75 persoas
O público poderá participar nun coloquio con Eloy Domínguez e con Samuel Moreno.
Estará con nós no Baixo de Carlos Eloy Domínguez Serén e, por videochamada desde Colombia, tamén Samuel Moreno.
O Festival de Cans inaugurou a pasada edición esta sección con clara vocación internacional e co obxectivo posto en tender pontes entre cineastas españois e latinoamericanos. Como fixo o cine epistolar entre Galicia e América da década de 1950 damos visibilidade a cartas filmadas de ida e volta entre realizadores de diversos países.
Nesta edición proxectaremos a segunda parte da correspondencia fílmica cruzada entre o galego Eloy Domínguez e o colombiano Samuel Moreno. O ano pasado o público puido ver as primeiras cartas, nas que os autores reflexionan sobre o feito de filmar e de se comunicar a través da cámara. Meses despois, a pandemia e os confinamentos obrigáronnos a pensar a vida doutro xeito; agora, o tempo semella correr de maneira diferente e o illamento fai que ambos cineastas observen a realidade máis próxima e familiar con outros ollos. Presentamos, logo, un avance en exclusiva da segunda serie desas cartas entre Galicia e Colombia, nun ano que mudou para moitos a percepción da vida e resucitou vellas pantasmas. A idea é poder concretar as filmacións nunha longametraxe documental, que se presentará nos vindeiros meses nun festival internacional.
CORRESPONDENCIA COLOMBIA-GALICIA
2021 | 26’ | España e Colombia | Castelán
Dirección, cámara e montaxe: Eloy Domínguez e Samuel Moreno Álvarez Xénero: Documental Vai de: Dous amigos e colegas cineastas manteñen unha correspondencia fílmica transoceánica entre Colombia e Galicia. Durante a presente edición do Festival de Cans poderanse ver dous fragmentos de dúas desas cartas.