Só durante esta fin de semana, as 15 curtametraxes que participaron na competición oficial de Ficción e Animación do XVIII Festival de Cans poderán verse a través de internet. O proxecto ‘Cans Online’ volve levar os filmes á rede a través da plataforma Vimeo. As películas organizaranse en 4 bloques. Ver cada un deles custará 2 euros. O abono que permite velas todas ten un desconto de case un 40%: só custará 5 euros. Todo o diñero recadado proxeccións repartirase entre as curtametraxes participantes.
O Festival de Cans abre por segundo ano consecutivo a súa edición online. A iniciativa xurdiu logo da drástica redución de aforo das proxeccións en sala á que obrigou a pandemia dende o ano pasado. E tamén tendo en conta que a situación sanitaria afecta ademais á distribución das obras. O Festival ten entre os seus obxectivos promocionar aos cineastas e as súas películas. O proxecto polo que leva as curtametraxes á rede é unha das iniciativas postas en marcha para darlles visibilidade ás obras dos realizadores e realizadoras participantes.
A partir do xoves, ás 18,00 hs. e ata o vindeiro domingo á medianoite, as obras estarán dispoñibles na páxina web do certame -www.festivaldecans.gal, nun proxecto que conta co soporte tecnolóxico de Vimeo e foi posible grazas ao traballo desenvolto nas últimas semanas pola empresa porriñesa Quadralia.
Todas as películas están subtítuladas en castelán para facilitar o acceso do público hispanofalante ás obras, a meirande parte delas rodadas en galego.
Bo cinema na XVIII edición do Festival de Cans
As curtas que se difunden en ‘Cans Online’ deixaron moi boas sensacións no día grande do XVIII Festival de Cans, o pasado sábado 4 de setembro.
É o caso da dobremente premiada ‘Monte Bravo‘, de Noelia Muíño. A curta, que conta as vivencias dunha nena e o seu irmán logo de albiscar un lobishome fíxose cos premios á Mellor Película e a Mellor Dirección. Muiño xa obtivera 3 galardóns en Cans en 2019. E neste 2021 volveu trunfar no Festival. O mesmo que Alberto Vázquez. A súa película ‘Homeless home‘ foi elixida ano Mellor Curta de Animación. E tamén obtivo o premio á Mellor Banda Sonora. O cineasta xa gañara na categoría de Animación en 3 edicións anteriores do Festival de Cans. E ten tres Premios Goya.
A curta rodada en Francia ‘Deux Options‘ do vigués Gon Caride, obtivo tamén dous premios, os de Mellor Guión e Mellor Actor, que recibiron ex aequo os seus dous protagonistas: Jan Soja e Noël Faur.