A preestrea da longametraxe “Alumbramiento”, do director Pau Teixidor, é a película elixida para a sesión de apertura da XXI edición do Festival de Cans, que este ano celébrase entre o 21 e o 25 de maio. A actriz galega María Vázquez, que recibirá o Premio Pedigree de Honor de Cans nesta edición, é unha das protagonistas do filme que baséase en feitos reais e aborda o tema dos bebés roubados na España de principios dos anos 80.
A proxección da película, terá lugar no Círculo Recreativo Cultural do Porriño, no serán da xornada do xoves 23 de maio, unha data na que tamén poderá verse o filme “O Corno”, gañador da Concha de Oro en San Sebastián e que contará coa presenza en Cans da súa directora Jaione Camborda e da actriz porriñesa Janet Novás, que foi galardoada co Goya á mellor actriz revelación polo seu traballo nesta cinta.
“Alumbramiento” é unha película que narra a historia dunha adolescente, Lucía (magnficamente interpretada pola debutante Sofía Milán) que é enviada a un centro relixioso de mulleres novas embarazadas, onde establece vínculos moi fortes coas súas compañeiras e descubre que lle queren arrebatar ao fillo que está a punto de nacer. Esta demoledora historia é inspirada por feitos reais acontecidos en diversos lugares de España a finais dos anos setenta e principios dos 80.
A película conta cun guión escrito polo propio Pau Teixidor e pola galega Lorena Iglesias e fíxose realidade despois dun longo proceso de investigación, no que realizáronse distintas entrevistas con mulleres que viviron esa experiencia naqueles anos. A historia afonda en dous feitos da España daqueles anos; o internamento contra a súa vontade de mulleres novas embarazadas e o roubo de bebés nun contexto de aparente cambio político e social. María Vázquez interpreta a Marisa, a nai da protagonista, Lucía, que decide levar á súa filla a o centro Peñagrande de Madrid cando ela queda embarazada.
Vázquez forma parte dun reparto cun magnífico grupo de actrices moi novas que encarnan os papeis de compañeiras da súa filla na ficción. “Alumbramiento” é a segunda longametraxe do director Pau Teixidor, que debutou en 2014 con “Purgatorio”, filme co que competira nas seccións oficiais dos festivais de Málaga e Austin. A película é producida por Aquí y Alli Films e Minoría Absoluta e conta co apoio do ICAA e do Ayuntamiento de Madrid e coa participación de RTVE. Filmax encargárase da distribución en salas de cine españolas.
COLOQUIO E PROXECCIÓN DE “O CORNO”
Antes da sesión inaugural do festival, proxectarase no Círculo Recreativo Cultural do Porriño, o filme “O Corno”, de Jaione Camborda, que obtivo a Concha de Oro no último festival de San Sebastián e do que puideron verse en Cans as primeiras imaxes inéditas na última edición do festival antes da súa estrea comercial.
Jaione Camborda estará en Cans pola mañá dese día para participar nun coloquio no que tamén estará a actriz porriñesa Janet Novás, gañadora do Goya á mellor actriz revelación polo seu papel en “O Corno”. Será unha xornada moi emocionante pola vinculación que teñen a realizadora e a actriz con Cans.
DOCUMENTAL “ACORDAMOS” DE UXÍA SENLLE
A memoria histórica será tamén protagonista na primeira xornada do festival, o martes 21 de maio, coa proxección do documental “Acordamos”, dirixido pola cantante galega Uxía Senlle. O filme conta a través de testemuñas o sucedido antes do golpe de Estado de 1936 con diversas iniciativas pioneiras sociais e educativas xurdidas na provincia de Pontevedra –a Caixa Rural do Lérez, ou a escola Aurora del Porvenir, entre outras—que foron esnaquizadas pola rebelión franquista. A cantante Antía Muiño, que participa no documental, fará unha actuación especial ao rematar a proxeción, que terá lugar no Centro Cultural do Porriño.
VENDA DE ENTRADAS PARA FURACÁNS
Desde o día de hoxe xa están á venda as entradas para sección de non ficción “Furacáns” na tenda online do festival https://tenda.festivaldecans.com/. Son 75 entradas para a sesión de mañá e 150 para a sesión de tarde a un prezo de 6 euros. Nos próximos días desvelarase a selección final de curtas que se proxectarán durante o festival.
Boas, ¿para poder ver a película “alumbramiento ” hai que ter entrada?
Graciñas
Boas María Teresa,
entrada gratuita ata completar aforo.
Un saúdo!
E a que hora comeza a proxección? Grazas de antemán
Sobre as 20.30h. Un saúdo.
Buenas tardes, ¿a qué hora se proyecta “O Corno” ? Muchas gracias
Bo día.
17h entrada libre ata completar aforo.
Un saúdo.
Ola. A que hora comeza a proxección do “Alumbramiento”? Moitas grazas de antemán