A XX EDICIÓN DO FESTIVAL DE CANS CREOU 151 EMPREGOS E BATEU A SÚA MARCA HISTÓRICA DE CONTRATACIÓNS

A XX edición do Festival de Cans, que rematou a pasada fin de semana, rexistrou unha marca histórica de creación de emprego, ao chegar a 151 altas laboráis. Esta cifra supera en máis dun 12% a da pasada edición, onde o certame xerou 134 empregos. Máis de 13.000 persoas pasaron polo certame ao longo dos seus cinco días de duración, sendo o día grande, o sábado 20 de maio, o de maior afluencia con máis da metade dos espectadores totais.

Das 151 contratacións rexistradas, 74 foron de empregos directos relacionados coas áreas de produción, merchandising, transporte e traballo en barras, 20 foron servizos especializados de autónomos en áreas como comunicación, fotografía, vídeo, deseño gráfico, redes sociais ou programación, e 57 de contratacións indirectas de empresas que prestaron servizos no marco da celebración do festival (limpeza e hixiene, seguridade privada, montaxe e desmontaxe de carpas e equipos de loxística de son e proxeccións.

A maioría das persoas contratadas pertencen ao municipio do Porriño e moitas delas á aldea de Cans. Ademais, houbo un gran número mozos e mozas que asinaron o seu primeiro contrato laboral. Outra parte das contratacións procede de concellos limítrofes como Mos, Salceda de Caselas ou Ponteareas.

Do mesmo xeito, seguiu aumentando a cifra de provedores locais, contratando servizos a preto de sesenta empresas de proximidade, a maioria delas pemes e empresas familiares, seguindo a filosofía “Quilómetro 0” do certame. Estas empresas prestaron servizos de catering, imprenta, papelería, asesoría ou ferretería.

Cómpre destacar tamén o importante impacto na restauración e comercio locais, así como os establecementos hoteleiros, que rexistraron unha ocupación do 100%, incluso desde varios días antes. Entre o martes 16 e o 20 de maio, o festival tamén bateu o seu récord de reservas directas cun total de 162 habitacións para acoller persoas convidadas e traballadores da organización, ademais de habitacións en hostais, pensións e albergues, reservadas polo público que asistiu ao festival. Entre os visitantes destaca a presenza de espectadores chegados de países non habituais como Brasil, México ou Romanía, ademais doutros máis habituais como Portugal, Francia, Inglaterra ou Italia. Tamén doutras cidades españolas coma Madrid, Barcelona, Bilbao, Oviedo ou Valladolid.

A organización activou un plan de mobilidade e accesibilidade, buscando reducir o impacto medio ambiental, evitando na medida do posible a presenza de vehículos na aldea. Este plan resultou ser un éxito, xa que máis de 4.000 persoas se desprazaron desde o casco urbano do Porriño ata Cans nos autobuses habilitados, unha cifra semellante a 2019, o ano anterior o comezo da pandemia. Por segundo ano, o festival trazou un plan de viaxes para convidadas e convidados, onde as chegadas en tren superaron ás viaxes en avión, o que contribuíu a diminuír a pegada de CO2 do certame.

ACCESIBILIDADE E PUNTO LILA

Dentro deste traballo a prol da accesibilidade, habilitouse un plan específico para as persoas con mobilidade reducida. Por vez primeira, a organización habilitou un taxi baixo demanda con cargo ao propio festival, que foi eloxiado polos usuarios nas redes sociais do certame. Este plan completouse con váteres móbiles adaptados, un espazo reservado para asistir aos concertos no Torreiro e rampas de acceso, como a construída para que as persoas con cadeiras de rodas e carriños de bebé puidesen acceder ao Parque do Río.

Por vez primeira tamén, activouse un Punto Lila de Prevención de Violencia de Xénero, que non rexistrou ningunha incidencia. Malia pasar 13.000 persoas polo certame, o equipo médico propio apenas rexistrou incidencias leves de pequenas caídas ou rascazos, o cal demostra o comportamento exemplar do público que pasa polo festival.

O Festival de Cans quere agradecer publicamente o seu traballo ás diversas concellerías do Concello do Porriño e o esforzo das traballadoras e traballadores do concello, así como Policía Local, Garda Civil (Tráfico e Seguridade Cidadá) e Protección Civil.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *